Detectan 241 novos contaxios e tres falecementos pola Covid-19

Imaxe de arquivo da realización de probas PCR. (Foto: UCV / Europa Press)
Nas últimas 24 horas diminuíron os casos activos nas áreas sanitarias da Coruña e Cee, Lugo e Compostela, se ben en Ourense e Pontevedra detéctanse novos crecementos. A Consellaría de Sanidade afirma que xa practicou 369.608 probas PCR.

O número de casos activos por coronavirus cae un pouco con respecto ao día anterior pero non por iso o virus remite. As e os galegos deben manterse alerta e respectar todas as medidas impostas para garantir a seguridade, pois entre a noite desta quinta feira e a de onte rexistráronse 241 novos contaxios, así como outros tres falecementos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa de que xa hai 14.933 persoas curadas desta enfermidade, mais iso non implica que os contaxios non se sigan a producir. O avance da Covid-19 deixouse notar en máis de 240 doentes novos en toda Galiza.

Dos 4.336 casos que continúan activos, 28 están sendo atendidos nas UCI do sistema hospitalario galego, mentres que outras 206 pacientes permanecen noutras unidades de hospitalización. Por último, 4.102 afectadas e afectados pasan a corentena nas súas casas baixo o seguimento domiciliario.

Ademais, hai que contabilizar tres novas vítimas. Dúas delas eran un home de 77 anos e unha muller de 87 que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), respectivamente. Ambas tiñan patoloxías previas.

A muller, ao igual que outro compañeiro de 92 anos que finou na propia residencia, eran residentes do centro do Incio.

Á fronte pero cunha caída continuada

Por zonas, os contaxios subiron nas últimas 24 horas en Ourense e Pontevedra, onde a Xunta estabeleceu esta semana novas medidas restrictivas para intentar frear os gromos. A primeira pasou a 486 positivos (23 máis que un día antes) e a segunda chegou até os 439 (26 a maiores). Vigo mantívose en 364 enfermas e enfermos como na xornada previa.

A área sanitaria da Coruña e Cee continúa a liderar a listaxe de número de pacientes, mais xa van varios días que se dan baixadas importantes. Neste caso, Sanidade contabilizou 63 casos activos menos.

Nas demarcacións de Compostela (679) e Lugo (848) houbo baixadas pouco significativas de 10 e 7 positivos. En Ferrol, pola contra, subiuse en seis quedando nos 180.

Desde a chegada da Covid-19 a Galiza, Sanidade practicou 369.608 probas PCR.