Detectan 15 novos positivos na residencia de maiores de Ribadavia

Residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Carlos Castro / Europa Press)

Unha quincena de novos positivos detectados entre as persoas usuarias da residencia de maiores Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia eleva o alcance deste foco a 35 residentes, aos que se suman seis profesionais. 

Os datos trasladados este sábado pola Consellaría de Política Social dan conta dun descenso no número de casos entre as persoas usuarias, que chegan a 369, 23 menos que a pasada sexta feira.

A baixada responde á saída do cómputo de 40 persoas usuarias da residencia das Gozos de Pereiro de Aguiar. A incidencia neste centro sitúase agora en 31 persoas residentes, ademais de 26 traballadores e traballadoras.

A residencia Nosa Señora das Milagres de Barbadás continúa sendo o centro con maior número de contaxios con 85. Tamén se mantén en 81 os casos  da residencia de Salvaterra do Miño, segunda con máis positivos. Na DomusVi de Ribadumia son xa 24 as residentes con Covid-19 tras diagnosticarse catro novos casos, e tres máis entre o persoal.

En total, Política Social notifica este sábado 21 novos positivos entre persoas usuarias de residencias de maiores e 12 nos equipos profesionais. 

En canto ao persoal, os contaxios soben en 10 respecto ao balance de onte e son xa 221, coa Residencia Nosa Señora das Miragres de Barbadás á cabeza, con 46 profesionais con coronavirus.