Detectados os primeiros casos de gripe aviaria na Galiza en dous mascatos

Os mascatos son aves mariñas de plumaxe branca habituais do Atlántico norte, onde adoitan formar colonias de miles de parellas (Foto: Europa Press).
O subtipo que circula por Europa, o H5N1, non afecta as persoas.

A Xunta da Galiza confirmou esta segunda feira os dous primeiros casos de gripe aviaria detectados no país en dous mascatos localizados en Cangas, no Morrazo, e en Valdoviño, Ferrolterra. Os dous positivos neste tipo de gripe de alta patoxenicidade en aves silvestres foron ratificados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid, segundo informou esta segunda feira a Consellaría de Medio Rural.

Os casos foron postos en coñecemento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a súa posterior comunicación na Comisión Europea, os Estados membros e a Organización Mundial da Saúde, segundo estabelece o protocolo de actuación.

Trátase dos primeiros casos positivos detectados na Galiza, que corresponden aos dous mascatos, unha ave típica do Atlántico norte. O primeiro, aparecido no porto de Cangas, chegou á zona a bordo dun barco pesqueiro e foi trasladado ao Centro de recuperación de fauna silvestre (CRES) de Carballedo, en Pontevedra. O segundo caso localizouse no areal de Valdoviño e foi derivado ao CRFS de Santa Cruz de Oleiros, na Coruña.

Segundo explicou a Xunta ante a aparición destes dous casos de gripe aviaria, esta variedade de mascato aniña durante o verán, con todo, a maioría dos individuos adultos permanecen mesmo despois do inverno arredor das colonias de crías. Os exemplares de menor idade migran cara ao sur en dirección a augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Nesta migración, segundo indica a Consellaría de Medio Rural, case non se “aproximan á costa, agás para aniñar”.

É por este motivo polo que a Xunta sostivo que estes dous casos detectados “non afectan o status sanitario oficial das explotacións avícolas galegas" e tampouco "implican ningún tipo de restrición de movementos para as aves e os seus produtos”, nin para granxas profesionais nin para particulares.

A transmisión da gripe aviaria ás persoas

As Consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente chamaron a reforzar as medidas de bioseguridade en explotacións avícolas, en especial orientadas a evitar o contacto con aves silvestres, e pediron que se notificase calquera sospeita de posíbeis casos. Porén, a Xunta asegurou que non hai constancia de que o subtipo de virus que durante o último ano está a afectar Europa teña capacidade zoonósica significativa e que, polo tanto, a súa posibilidade de transmitirse ás persoas resulta reducida.

Así o indicou tamén para Nós Diario Gonzalo Fernández Rodríguez, decano de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, que explica que a subtipoloxía de gripe aviaria que está a circular por Europa é a denominada H5N1, cuxa capacidade de contaxio entre as persoas é, polo momento, nula. Segundo explica Fernández, este subtipo do virus "convive só con animais" mais advirte que cómpre "controlalo para evitar que se contaxien animais domésticos e, de suceder, é importante notificalo canto antes para tomar medidas e evitar que o virus poida ter contacto coas persoas" a través destes animais. Con todo, o decano asegura que "o virus en si non é problemático, mais é preciso tomar medidas para evitar danos maiores".

O risco está na posibilidade de mutación do virus

O decano de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández, indica a Nós Diario que esta vertente do virus conta “cun perigo potencial, xa que a gripe aviaria pode mutar en gran medida” e advirte da urxente necesidade de “controlalo para evitar que o virus circule e poida supor implicación de maior relevancia”. Se ben aínda non existe ningún contaxio humano da gripe aviaria na Galiza, Fernández indica que se "está traballando para evitar ese posíbel risco futuro".