Detectados casos de hepatite A nun colexio de Lalín

Sanidade espera ter controlado coa vacinación o brote de hepatite A con 6 escolares e 4 adultos afectados.

A Consellería de Sanidade detectou un brote de hepatite A nun colexio de Lalín, polo que recomenda vacinarse por ser "a mellor protección" fronte a esta enfermidade.

Segundo informou Sanidade, o centro de saúde de Lalín xa comezou esta segunda feira a vacinación de hepatite A recomendada ás e aos escolares, docentes e familiares directos do CEIP Xesús Gomar deste municipio, onde se detectaron varios casos.

En concreto, o Sergas destina tres profesionais de enfermaría a realizar a vacinación en quendas de mañá e tarde desde este luns até o próximo día 28 de febreiro.

Sanidade espera ter controlado coa vacinación o brote de hepatite A con 6 escolares e 4 adultos afectados en Lalín

Sanidade explicou que, após a comunicación de "varios casos de hepatites A en alumnos" do CEIP Xesús Golmar, recomendou a vacinación aos escolares e profesores dos cursos afectados, así como aos seus contactos máis próximos.

A pasada sexta feira, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra remitiu unha carta aos familiares e docentes a través da dirección do centro escolar na que especificaba a recomendación da vacinación e outra información sobre a enfermidade, sintomatoloxía e como previr o contaxio, indicaron as mesmas fontes.

Ademais, convocouse aos escolares, docentes e familias a unha reunión na tarde deste luns con persoal de Saúde Pública e do centro de saúde da localidade "para aclarar todas as dúbidas", manifestou a Consellería.

Síntomas e protección

Sanidade concretou que a hepatite A é unha enfermidade infecciosa aguda producida polo virus VHA. As manifestacións da infección abarcan desde un período de síntomas inespecíficos, como a falta de apetito, náuseas e malestar xeral, até a ictericia --cor amarela na pel e mucosas-- e signos de lesión hepática.

A duración dos síntomas é variábel, puntualiza Sanidade, de entre unha e dúas semanas, até "varios meses nas formas graves". "Non se sabe que se produza infección crónica", matiza.

A enfermidade, que ten un período de incubación de entre 15 e 50 días, coa media en 28-30 días, "adoita ser moi leve en nenos e máis grave nos adultos", especifica a Consellería.

Por todo iso, subliña Sanidade que a "mellor protección fronte á hepatite A é a vacinación", recomendada nos contactos estreitos dos enfermos e en certos grupos de risco. "Para evitar contaxos é importante a hixiene de mans", conclúe.