Detectados 12 positivos en traballadores da cociña do CHUS

CHUS compostela

Após dous cribados a 185 empregados.

Doce casos positivos de Covid-19 foron detectados en dous cribados que se realizaron aos 185 traballadores e traballadoras do servizo de cociña do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Así o informaron a Europa Press fontes sanitarias, que puntualizaron que, ademais dos 12 casos positivos, "14 persoas están en corentena".

A áreas sanitaria de Santiago é canda a de Vigo a que experimenta un importantes aumentos nestas 24 horas, con 83 novos positivos máis

As mesmas fontes sanitarias destacaron que está programado "un terceiro screening" na próxima semana para "facer un seguimento" desta situación despois de ser detectado o primeiro caso o pasado venres 16 de outubro.

O servizo de cociña do CHUS "segue prestándose sen incidencias", subliñan as mesmas fontes sanitarias consultadas, "e con total garantía", sentencian.

Galiza rexistrou 441 novos contaxios en 24 horas, un aumento importante e que amosa como a Covid continúa a se estender. Son xa, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, 5.457 casos activos os que hai rexistrados na Galiza, 240 máis que na xornada de onte.

As áreas sanitarias de Santiago e Vigo experimentan importantes aumentos, con 83 novos positivos máis cada unha, que sitúan o seu total de casos en 851 e 900.