As residencias superan o centenar de casos Covid: 49 usuarias afectadas só nas Gandaras

Varias persoas ás portas dunha residencia de maiores en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O número total de residentes contaxiadas polo coronavirus nas residencias galegas ascende a 119. Nos centros de atención á discapacidade hai 51 persoas con Covid máis.

A residencia das Gándaras, o centro da terceira idade con maior capacidade da comarca de Lugo, contabiliza un total de 49 positivos por coronavirus, a maioría asintomáticos, despois de que un dos residentes fose ingresado con Covid no hospital Lucus Augusti.

Fontes da Consellaría de Política Social confirman a posta en marcha dun dispositivo para examinar a situación e vixiar se se cumpren os protocolos, que obrigan entre outras cousas, a separar as residentes positivas das que deron negativo no cribado organizado pola Xunta.

Na residencia, titularidade da Xunta, realizáronse probas aos ao redor das 180 persoas usuarias deste centro, ademais de reforzar os chamamentos a extremar os coidados en todas as visitas aos centros, así como nas saídas das residentes.

Cribado masivo

A presidenta do comité de empresa, Marta Regueiro, confirmou que "se seguen realizando probas e estanse facendo PCR a todo o persoal", que suma máis de cen traballadoras.

Confesou, ademais, que o persoal "está nervioso", unha sensación que experimentan desde "hai máis dun ano". Con todo, nesta residencia non se produciu ningún caso en toda a pandemia até este momento.

Foi na fin de semana cando tiveron coñecemento dos primeiro positivo, despois de someter a persoa afectada pola Covid a unha proba, ao atoparse mal.

Datos actualizados

Así, nas residencias de maiores da Galiza hai 119 usuarias cunha PCR positiva en nove centros diferentes. O das Gándaras, con 49, a residencia García Hermanos de Betanzos, con 28 e a residencia Val de Monterrei, con 24 son as que máis xuntas.

As residencias de atención á discapacidade suman 51 casos activos, 14 no Fogar e Clínica de San Rafael de Vigo e 37 no CAPD Redondela.

Surtos menos agresivos

En declaracións a Nós Diario, a Consellaría de Política Social confirmou que desde hai unhas semanas, "en vista de que a incidencia da Covid entre a poboación estaba a incrementarse, a Xunta decidiu reforzar as medidas de seguridade".

A incidencia nas residencias está a ser "inferior" a doutras vagas, asegurou. "Os gromos non están sendo agresivos, xa que a maioría dos casos son leves ou asintomáticos grazas á vacinación" e precisou, que a mortalidade, nesta quinta onda, "está sendo mínima e os casos que se deron foron en persoas con patoloxías previas".

Co fin de "salvagardar a seguridade" das persoas maiores, "aumentáronse o número de cribados en traballadores, un por semana a todo o persoas vacinado ou non".

Ademais, recalcou, as residencias dispoñen de tests de antíxenos para que "ante calquera sospeita poidan facer probas de forma inmediata".