Detectado no Estado español o primeiro caso de variante ómicron

Un viaxeiro de 51 anos que chegou nun avión procedente do sur de África. 

O Hospital Gregorio Marañón de Madrid anunciou o primeiro caso de variante de ómicron no Estado español. Nunha mensaxe publicada en Twitter, o laboratorio de microbioloxía e enfermidades infecciosas do hospital asegurou que se trata dun viaxeiro que chegou nun voo desde Sudáfrica e que "se sente ben".

Trátase dun home de 51 anos que regresou de Sudáfrica o pasado 28 de novembro cunha escala en Ámsterdam. A Dirección Xeral de Saúde Pública mantén a vixilancia epidemiolóxica dos contactos estreitos do voo que aterrou en Madrid procedente da capital holandesa.

O positivo foi detectado mediante un cribado con test de antíxenos no aeroporto de Barajas. O paciente atópase con síntomas leves e en illamento gardando corentena.

As mutacións detectadas no virus a pasada semana en Sudáfrica e Botswana tiveron confirmación até o de agora en media ducia de estados europeos (Bélxica, Alemaña, Chequia, Reino Unodo...) polo que os centros hospitalarios no Estado español xa estaban á buscar esta nova variante entre os novos contaxios que se ían producindo.

Predicións

O científico Richard  Hatchett, director executivo de  Coalition  for  Epidemic  Preparedness  Innovations ( CEPI), fundación que financia o desenvolvemento de vacinas, sinalou na sesión especial da Asemblea Mundial da Saúde, que a variante ómicron "cumpriu, de maneira precisa, as predicións dos científicos que advertiron de que a elevada transmisión do virus en zonas con acceso limitado á vacina aceleraría a súa evolución".

"Vacinando completamente a menos dunha cuarta parte da súa poboación, Botswana e Sudáfrica proporcionaron unha contorna fértil para tal evolución".

"O virus é un oportunista desapiadado; e a  inequidad que caracterizou a resposta global agora volveu a casa", engadiu na súa intervención neste encontro que ten como obxectivo buscar estratexias para loitar mellor contra unha próxima pandemia.