Detectado un foco con 19 casos en Carnota con orixe nunha festa

Na parroquia do Pindo.

 O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou un foco de Covid-19 con 19 casos positivos confirmados con orixe nunha festa de mozos na parroquia do Pindo do municipio de Carnota, na Costa da Morte.

Así o confirmou a Europa Press o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, quen comentou que o pasado  22 de xuño tiñan "cero casos" de Covid no municipio e o día 23 detectouse este foco "derivado dunha concentración de mocidade nun sitio ao norte do concello", sinalou en relación á parroquia do Pindo.

Segundo explicou o rexedor, trátase dun surto de "mozos asintomáticos que se contaxiaron e contaxiaron algunhas das súas familias". Tras o cribado realizado o sábado pola mañá a persoas de 16 a 40 anos -con 55 participantes-, detectouse outro positivo, o que elevou a 19 os casos, apuntou.

O alcalde de Carnota comentou, ademais, que o rastrexo aos contactos "está feito" e os primeiros detectados levan "entre catro e seis días de confinamento". "Están vixiados e controlados", destacou, para apostar por "esperar unha semana a que se desconfine a xente".

"Foi unha preocupación, porque foi antes da temporada de verán máis potente", sinalou o rexedor, que apelou a "non demonizar a ninguén" por este foco, á vez que puntualizou que "non se observa que sexa unha cuestión de hostalaría".

En concreto, indicou que os mozos afectados reuníronse na zona das casetas mariñeiras, onde adoitan xuntarse para celebrar acontecementos, na parroquia do Pindo, onde se localiza. "Procede da Coruña", puntualizou, para engadir que "do variante Delta".