Seis contaxios nun surto no centro de atención á discapacidade de Sarria

Traballador achegandose a unha residencia (Carlos Castro/ Europa Press).
Son 265 as persoas usuarias contaxiadas e 162 as traballadoras e traballadores de residencias e centros de discapacidade.

Un surto de Covid-19 afecta o centro de atención a persoas con discapacidade de Sarria, onde hai un total de seis persoas usuarias contaxiadas, ademais dun traballador cuxo positivo fora notificado no parte do sábado.

Son os datos que achega a última actualización da situación nos centros residenciais da Galiza difundida polas autoridades sanitarias na mañá deste domingo.

O número total de casos en centros de maiores redúcese en dous este domingo respecto ao sábado. Son agora 265 as persoas usuarias contaxiadas após non notificarse ningún positivo novo e saír do cómputo un usuario de Doral Residencias de Mos por dar negativo e outro da Soremay de Pontevedra falecido nas últimas horas.

Desta maneira, a residencia Vila do Conde de Gondomar continúa como a instalación con máis casos da Covid-19 entre as persoas maiores de toda Galiza con 66 persoas usuarias infectadas. En segundo lugar atópase a Soremay de Pontevedra, con 40; en terceiro, o Asilo Vilalba, con 32; e en cuarto, a residencia Pontevedra de Vilaboa, con 31.

Tamén contan con grupos de maiores con Covid-19 a Residencia Cesantes de Redondela (17), a San Antonio de Beariz (16), a San José de Narón (12), a San Salvador de Guntín (10), o CRAPD Vigo II (9), a DomusVi Vigo (9) e a Vivenda Comunitaria de Castrelo de Miño (8).

Ademais, hai cinco maiores con coronavirus en DomusVi Ribadumia, catro en Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, outros dous no Apartamento Tutelado San Antonio de Beariz e un, respectivamente, na San Cibrao de Cervo, en Doral Residencias de Mos, en Nosa Señora dos Miragres de Barbadás e no CRAPD Vigo I.

Persoal das residencias

Con respecto ás traballadoras e aos traballadores das residencias, nas últimas horas descenderon a 162, un menos que o día anterior, despois de rexistrarse un positivo na Servisenior de Brión e un negativo na San Rafael de Mondoñedo.

Ademais, Política Social desconta do global un empregado dun centro de Ortigueira "porque non incorporouse ao centro no momento de realizar a PCR".

Así, o Asilo Vilalba continúa este domingo como o centro co cadro máis afectado cun total de 29 casos. Séguenlle a residencia Soremay de Pontevedra e DoralResidencias de Mos, ambas as con 15.

Surto nos centros de discapacidade

Ademais, despois dun sábado no que non se contabilizaban casos de Covid nos centros de discapacidade, o surto da CAPD de Sarria eleva os casos a 6, todos neste centro.

En canto aos cadros destas residencias, hai un total de sete contaxiados: un no propio centro de Sarria e o resto están a Chapela de Redondela, DoralResidencia de Mos, dúas en Fogar San Rafael de Vigo, un en Souto de Leixa e outro en San Vicente de Paúl de Lugo.

Así mesmo, 14 traballadores teñen a Covid na residencia Pontevedra de Vilaboa e 12 en Domusvi Ribadumia. O resto de centros que figuran no parte de Política Social mantéñense por baixo da dúcia.