En Begonte

Denuncian a destrución de hábitats protexidos da Rede Natura na Terra Cha para caza

Imaxe dunha lagoa en Begonte (Concello de Begonte)

O colectivo ‘Terra Cha Sostíbel’ presentou unha denuncia polas rozas mecanizadas nas Lagoas de Fontefría e do Chao (Begonte), humidais protexidos, e actividade cinexética na área.

Os humidais de Lagoa de Fontefría e Lagoas do Chao, no Concello de Begonte, na comarca da Terra Cha, sufriron importantes danos como consecuencias das rozas que se fixeron nestes espazos protexidos e que teñen como finalidade favorecer a caza. Asi o denuncia a asociación Terra Cha Sostíbel, que indican que estas actuacións supoñen “un incumprimento dos obxectivos de conservación contemplados na normativa europea, estatal e galega” respecto a estas áreas.

“Estes humidais forman parte da Reserva da Biosfera de Terras do Miño e figuran no Inventario dos Humidais da Galiza. A maior parte da área de ambas as zonas húmidas atópase dentro da Zona-1 da ZEC Parga-Ladra-Támoga (a de maior protección), e en consecuencia forma parte da Zona Núcleo da Reserva de Biosfera, mentres que o resto da superficie do humidal está contemplado, dados os seus valores ecolóxicos, na proposta de ampliación da Rede Natura 2000, promovida pola Xunta. A xestión destas zonas húmidas está determinada pola lexislación europea, estatal e galega”, explica o colectivo.

Na zona hai de especies protexidas, destacando a presenza do endemismo atlántico Eryngium viviparum, considerada como En Perigo de Extinción e outras especies protexidas vexetais e animais pola normativa galega. 

“Chama moito a nosa atención que mentres se recoñece a presenza desta especie estea a mirarse para outro lado mentres se destrúen os seus hábitats e as propias especies, 

As Lagoas  do Chao foron obxecto de rozas mecanizadas desde o ano 2014, afirma Terra Cha Sostíbel, que provocaron a destrución de gran parte do arborado integrado dentro do hábitat prioritario, así como unha importante superficie de queirogais húmidos. “A actuación non tivo máis xustificación que levar a cabo unha serie de actuacións para favorecer a actividade cinexética no humidal”.

Na Lagoa de Fontefría, pola súa banda, sinalan que se realizou en 2019 unha roza mecanizada “que afectou unha gran extensión no hábitat , tanto dentro do límite da Rede Natura 2000, como fóra deste”.

“Detectouse tamén a presenza de numerosos cartuchos de escopeta con restos de chumbo , polo que sabemos que se esta a producir  caza , actividade prohibida nos humidais protexidos segundo o Artigo 65 da Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade e a Lei 13/2013, de caza de Galiza”.