Destrozan un dolmen no Valadouro e levan unha das laxes para adornar un xardín

Imaxe: Mariña Patrimonio

Os feitos foron denunciados por Adega e Mariña patrimonio perante Patrimonio.

Adega e Mariña Patrimonio denunciaron perante o Servizo de Patrimonio Cultural despois a destrución do dolmen da Casa dos Mouros de Lobeira (Budián, O Valadouro) no transcurso duns labores forestais relacionadas co eucalipto. Nun comunicado, ambas as dúas asociacións indican “probablemente os espoliadores aproveitaron as pas mecánicas e a maquinaria pesada, utilizadas na realización dos labores forestais, para extraeren dous esteos do dolmen e para trasladar un deles a un xardín situado nunha casa no concello de Foz, onde foi localizado polo Seprona”.

O  outro esteo, indican, deixárono abandonado á beira da mámoa “porque lles partiu cando o sacaron do túmulo”. A maiores, o túmulo foi furado coas pas mecánicas “o que acabou provocando aínda máis danos no xacemento”.

A Casa dos Mouros é un xacemento sobradamente coñecido polos veciños do lugar, din Adega e Mariña Patrimonio, ademais de existir bibliografía sobre el. “A masiva destrución do patrimonio, provocada pola industria do eucalipto, é un grave problema que a Consellería de Cultura non quere afrontar, sexa por submisión á todopoderosa industria forestal ou simplemente por falta de capacidade”

Imaxes: Mariña patrimonio e Seprona