"Desprezábel e intolerábel": a familia de Yoel Quisque denuncia "a profanación do memorial que lembra o asasinato"

Unha das concentracións de familiares e amigos de Yoel Quispe na Coruña exixindo "xustiza" (Foto: Nós Diario).
Na madrugada do día 15 de marzo, o altar que desde hai tres meses lembraba a Yoel Quispe, apuñalado en Noiteboa na Coruña, "foi profanado".

A familia de Yoel Quisque, o mozo apuñalado en Noiteboa na Coruña, mostrouse este sábado profundamente afectada “pola profanación do memorial que desde hai tres meses lembra o asasinato" e no que se reclama xustiza polo crime cometido.

Na madrugada do día 15 de marzo, o altar que desde hai tres meses lembraba a Yoel Quispe "foi profanado por unha persoa sen motivación coñecida nun acto completamente desprezábel e intolerábel".

A familia agradeceu as "numerosas mostras de solidariedade" recibidas durante esta xornada na reparación do memorial. Así mesmo, agradeceu a colaboración cidadá "pola gravación dun vídeo onde se obversa ao suxeito arrincando un dos carteis e que prosegue a pesar de ser descuberto, o que permitiu coñecer e poder denunciar os feitos".

Por parte da defensa legal da familia de Yoel Quispe, sostense que "este feito só pode interpretarse como un acto de enaltecemento do crime cometido e unha ofensa á memoria e honra da vítima".

O despacho de avogados afirma que "quen cometeu esta infamia está a apoiar co seu desprezábel actuar a quen ese día decidiron asasinar a Yoel". Así mesmo, sostén que "en defensa da memoria da vítima, estudaranse todas as opcións legais para que esta acción non quede impune. Do mesmo modo, porán en coñecemento das autoridades o sucedido.

Tres detidos pola morte de Yoel

A Fiscalía imputa un delito de homicidio aos tres detidos pola morte de Yoel Quispe, o mozo galego, de orixe peruana, que na madrugada do día de Noiteboa foi apuñalado mortalmente na Coruña. Pola súa parte, a familia sumouse a esta imputación aínda que pide máis probas ao entender que os feitos son constitutivos dun delito de asasinato, explicou o seu avogado, Adrián Borrajo.

Mentres, as defensas pediron no caso dos dous mozos detidos, pero en liberdade con obriga de comparecencias no xulgado, o sobresemento, mentres que no caso do que se considera autor do apuñalamento mortal e que está en prisión propuxo o letrado dilixencias de investigación.