Despréndese un iceberg do tamaño de 15 cidades de Vigo na Antártida

O iceberg desprendido na Antártida (Foto: BAS).
Segundo os especialistas do Servizo Antártico Británico o evento foi un “proceso natural” o cal se vén dando durante os últimos anos.

O Servizo Antártico Británico (BAS, polas súas siglas en inglés) comunicou nas últimas horas que na zona norte da Antártida se desprendeu un iceberg xigante de 1.550 quilómetros cadrados.

Para comprender as dimensións que se están a tratar, o anaco que se separou é dun tamaño equivalente a 15 veces a superficie da cidade de Vigo. Esta separación orixinou unha ruptura completa na fenda denominada Chasms-1.

De acordo cos datos presentados pola entidade, o suceso tivo lugar na plataforma de xeo flotante de Brunt, onde se localiza a base da estación de investigación BAS Halley. Esta conta cun espesor de até 150 metros e móvese dous quilómetros por ano.

Apelan á calma

Segundo os especialistas do BAS o evento foi un “proceso natural” o cal se vén dando durante os últimos anos. Indican tamén que a estación leva desocupada os últimos seis invernos a razón da “impredicíbel situación glaciolóxica”.

"Os nosos glaciólogos e persoal operativo anticiparon este acontecemento. As medicións da plataforma de xeo realízanse varias veces ao día utilizando unha rede automatizada de instrumentos GPS de alta precisión que rodean a estación", asevera o director do BAS, Dame Jane Francis, ao fundamentar que os instrumentos miden como se deforma e move a plataforma flotante.

Da mesma forma, quixeron asegurar que o suceso "non está relacionado co cambio climático. O noso equipo de científicos e operativos continúan monitoreando a plataforma de xeo en tempo real para garantir a súa seguridade e para manter a actividade científica que levamos a cabo en Halley", sostén Dominic Hodgson, glaciólogo do BAS.