Sanidade pública

Volve caer parte do teito do Hospital Gil Casares de Santiago, sobre un usuario "que non sufriu danos"

O teito desprendido sobre un usuario no Gil Casares de Santiago. (Fotos: CCOO)
O teito do comedor dos pacientes da unidade de Psiquiatría deste centro caeu esta quinta feira, se ben non houbo que lamentar danos persoais, e é a segunda vez que sucede algo así en dous meses.

O sindicato CCOO vén de denunciar que o teito do comedor dos pacientes da unidade de Psiquiatría do Hospital Gil Casares de Santiago caeu esta quinta feira "sobre un dos usuarios", que "non sufriu danos". Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato lembra que hai catro días comezaron as obras de rehabilitación da planta, pero que se seguiu mantendo a asistencia coa devandita unidade parcialmente fechada.

Desde a área de Sanidade de CCOO lembraron que xa houbo desprendementos do falso teito nunha habitación o pasado 9 de maio. Aquel suceso motivou que a Xerencia decidise facer obras no servizo para substituír os falsos teitos, alén da reparación dos aseos e cuartos. Naquel momento, o sindicato asegura que xa lle pedira á Xerencia a recolocación dos pacientes e do persoal nunha das plantas fechadas do hospital, ao considerar que "se estaba a pór en risco a usuarios e profesionais".

"Para isto, habería que acondicionar a unidade, que xa acollera a pacientes de Psiquiatría. Ademais, requiríuselle informe da arquitecta avalando a seguridade da estrutura, informe e prevención de riscos e un cronograma de actuacións a realizar", indicou. Tras este novo accidente, CCOO instou a Xerencia a que "non faga ao mesmo tempo a obra e a atención presencial", ao asegurar que "expón as persoas de forma innecesaria".

O sindicato defende a existencia de alternativas viábeis que non pasen pola derivación de pacientes a dispositivos externos. "A solución non está en trasladar a pacientes en fase aguda ao Hospital Hestia Robleda, cunha cabida que supera os 110 pacientes, un único psiquiatra e un cadro de persoal deficitario", sostén CCOO, que subliña que o centro "carece das medidas necesarias para atender persoas que necesitan un ingreso hospitalario nunha unidade de agudos".

Críticas da CIG

A través doutro comunicado, a CIG sostén que este novo desprendemento mostra o "caos predominante" neste servizo, do que foi "alertada por activa e por pasiva" a Xerencia. Así, a central nacionalista lembra que leva meses solicitando información sobre estas actuacións e as medidas organizativas e médicas sen ter "a máis mínima resposta" aos escritos remitidos. E denuncia que se están "forzando altas a domicilio dos usuarios" e que se aprobou o trasladado de sete pacientes e hospitais de ámbito privado.

Remodelación e traslado

Consultadas ao respecto, fontes da Xerencia sinalaron que na quinta feira se decidiu proceder á remodelación da zonas comúns tras ampliarse o ámbito de actuación das obras iniciadas a pasada segunda feira, e sinalan que, ante a posíbel afectación das obras nas estruturas lindeiras, na quinta decidiuse proceder á remodelación das zonas comúns: comedor, corredor, sala de estar, control de enfermería e demais.

Ademais, indicaron que os pacientes están a ser trasladados a outras unidades, buscando sempre a mellor solución sanitaria e de confortabilidad para os pacientes. A Xerencia sinala que o feito de non compatibilizar obras coa asistencia sanitaria permitirá acurtar o tempo de execución inicialmente programado a pesar de incrementar o ámbito de actuación, e desenvolver a reforma de toda a unidade en tan só dous meses.

"Trátase dunha remodelación integral que afecta máis de 500 metros cadrados e que superará o orzamento inicial de máis de 300.000 euros", sinala, para incidir en que "na inspección técnica realizada o pasado mes de maio non se detectaron anomalías no falso teito das devanditas zonas comúns".