Retiran unha faixa de 12m en Riazor polo dereito ao aborto

[Imaxe: Rocío Fraga]

A Plataforma en defensa do dereito ao aborto da Coruña colocou unha faixa no estadio de Riazor durante o Dépor-Sporting. A acción rematou coa retirada da faixa por parte do persoal de seguridade do estadio. 

 

A Platafoma galega polo dereito ao aborto despregou este domingo (15 de febreiro) unha inmensa faixa no estadio de Riazor a prol do dereito a decidir das mulleres. A acción, enmarcada na campaña de difusión da manifestación nacional que terá lugar o 9 de marzo en Compostela, rematou coa retirada da pancarta por parte dos servizos de seguridade de Riazor. Argumentaron para requisar a faixa que a súa presenza nas bancada conculca a vixente Lei de Deporte, explicou en conversa con Sermos Galiza unha das integrantes da Plataforma, Rocío Fraga. 

"Escollimos esta data porque era un partido importante" que enfrontou a dúas equipas que aspiran ao ascenso. "Estaba até Canal+", acrecenta, polo que decidiron exhibir a faixa "no tempo de descanso" e procurar a máxima repercusión.

Apelan á Lei de Deporte para lles furtaren a faixa

"As persoas que estaban nas bancadas axudáronnos a colocala", explica Rocío Fraga. Mais poucos minutos após de ser pendurada os servizos de seguridade privada do estadio --escoltados pola policía-- procederon á súa retirada, gañando unha boa asubiada desde diversos puntos das bancadas. Segundo lles indicaron, a Lei de Deporte non permite este tipo de accións, porén aseguran que "revisaremos ben a lei para ver se a podían quitar", afirman. 

E é que de maneira máis que habitual numerosas peñas exhiben simboloxía propia e/ou política nos partidos de fútbol. Coñecidos son os casos de seareir@s como @s do propio Sporting de Xixón que portan mesmo símbolos pre-constitucionais nos estadios. "Os Riazor Blues sacan faixas", subliña Rocío, "e non son retiradas", polo que advirte que reclamarán a pancarta ao clube após coñecer polo miúdo o contido da Lei de Deporte. "Varias persoas dixéronme que os seareiros do Sporting levaban bandeiras preconstitucionais" mais "eu non os vin", acrecenta. 

A rivalidade entre ambas as dúas afeccións --que deveu en liortas antes de comezar o partido-- convertía o encontro "nun partido de alto risco", polo que atribúen a retirada da faixa a este motivo. No entanto, aseguran que volverán ao estadio se finalmente se demostra que non hai razón para furtar unha faixa en defensa do dereito ao aborto. "Volveremos", sinala Rocío, pois malia a todo din que a acción "foi todo un éxito" e cumpriu o obxectivo: visibilizar a defensa do dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos.

Imaxe interior: @o_perri