Despois das albóndegas e as tortas, Ikea retira cuncas que producen queimaduras

cunca que Ikea retira do mercado

Despois das albóndegas con carne de cabalo e as tortas con contaminación fecal, a cadea Ikea fai un chamamento para a devolución dunhas cuncas por perigo de queimaduras. 

A Asociación Facua-Consumidores en Acción vén de anunciar que a cadea Ikea está a facer un chamamento ás persoas que mercaran as cuncas chamadas Lyda ao se detectar que escachan con líquidos quentes e poden producir queimaduras. 

Da cunca Lyda, fabricada en Tailandia, Ikea vendeu 220.000 unidades en todo o mundo que a compañía procura agora recuperar e reembolsar o importe ás persoas compradoras ao se comprobar que escachan en contacto con líquidos quentes. A multinacional detectou vinte casos de esnaquizamento dos que dez produciron danos ao se romper, segundo informa Facua. A cunca, branca cunha rosa debuxada, vendeuse entre agosto de 2012 e maio de 2013. 

A cunca Lyda é un novo traspés da multinacional despois dos dous grandes escándalos que provocaron a retirada de alimentos dos seus restaurantes. En primeiro lugar, Ikea veuse na obriga de eliminar as famosas albóndegas suecas da súa carta ao se detectar carne de cabalo na súa composición. A seguir, a empresa, que conta na Galiza cunha área na Coruña, eliminou de 23 países os pasteis de chocolate e caramelo ao se detectar unha infección por unha bacteria fecal, malia informaren que ningunha das unidades vendidas nos centros da península foran afectadas pola contaminación alimentaria.