Despiden catro traballadoras dunha residencia na Coruña

Concentración do persoal da residencia da Coruña onte. (Foto: CIG).
"A primeira medida da empresa foi despedir catro traballadoras do servizo de limpeza e amortizar outra praza ao non cubrir unha xubilación", denuncia a CIG.

O pasado 1 de xuño a empresa Samaín Servizos A Comunidade facíase coa xestión da residencia de maiores Concepción Arenal da Coruña, un centro de titularidade da Xunta mais de xestión privada.

Esta empresa que xestiona a residencia pertence ao Grupo Clece, controlado por Florentino Pérez, empresario e presidente do Real Madrid. Clece xa se vira envolto en diferentes polémicas no relativo á xestión de residencias. A comezos de 2021 coñecíase que Clece renunciaba a xestionar a residencia de Ribadeo, a pesar de ter a concesión (adxudicada en 2019) por un prazo de catro anos e por un montante de 2,7 millóns de euros.

No caso da residencia Concepción Arenal da Coruña, "a primeira medida da empresa foi despedir catro traballadoras do servizo de limpeza e amortizar outra praza ao non cubrir unha xubilación". Así o denuncia a Confederación Intersindical Galega (CIG) que tamén aproveita para salientar que o centro sofre "graves carencias de limpeza, que se suman ás problemáticas pola falta de persoal de enfermaría suficiente que xa veñen arrastrando desde hai tempo".

Por estes motivos, onte traballadoras e traballadores deste centro de atención ás persoas maiores concentráronse para "exixir a readmisión das persoas despedidas, un maior control da xestión por parte da administración pública e que se reforcen os cadros de persoal".

Sete persoas para limpar seis andares

“Nos mellores días, hai sete persoas na quenda de mañá para limpar seis andares, atender o servizo de lavandería e facer o tren de lavado da cociña, de maneira que só dúas traballadoras se dedican a limpar os propios andares, tres están en lavandería e unha na cociña”, explica Lidia Arguiz, delegada de prevención na residencia, que advirte das precarias condicións hixiénico-sanitarias nas cales se encontran as instalacións en que residen 152 persoas.

Próximas concentracións

Segundo anuncian desde a CIG, a vindeira segunda feira organizarán dúas concentracións por unhas condicións de traballo dignas en residencias. Unha será en Ourense diante da Casa do Chocolate ás 11 horas e outra no Carballiño, diante do Bispado ás 11.45 horas.