Despexo en Aríns: Unha familia na rúa e solidari@s identificad@s e detid@s

Foto: GZ Contrainfo

Carlos e María, os seus dous fillos e a súa aboa foron expulsos nesta sexta feira en Compostela da casa onde vivían e que eles propios construíran. Para botalos, ducias de antidisturbios; para apoiar á familia case un cento de solidari@s.

Carlos, María, os seus dous fillos e unha persoa maior e con mobilidade reducida non durmirán esta noite sob o teito da súa vivenda de Aríns. Malia solidariedade de veciñ@s e de activistas de STOP-Despexos Compostela, así como de representantes de diferentes organizacións políticas e sindicatos; esta familia, onde non tiña traballo ningún dos seus membros, xa non ten casa, a vivenda que construíron eles propios. Para botalos, ducias de antidisturbios, que mesmo realizaron cargas contra os concentrad@s e identificaron a varias persoas, unha delas fotógrafa de Gzcontrainfo, e retendo a tres.

Unha delas, afiliada ao sindicato CUT e que exercía de 'interlocutor' da familia, foi levado detido a Comisaría. Segundo testemuñas, varios axentes "avalanzáronse" sobre el e tirárono a chan cando o que pretendía era simplemente mediar entre os axentes e as persoas retidas. A Policía española, porén, acúsado de "enfrontarse e impedir a labor policial".

Este desafiuzamento foi adiado en dúas ocasións: 10 e 28 de xullo. Mais neste 19 de setembro levouse finalmente a cabo. Desde primeiras horas da mañá varias ducias de persoas concentráronse en Aríns para apoiar á familia e evitar o despexo. A policía rompeu a ‘cadea humana’ formada por veciñ@s e activistas e que quería evitar o desafiuzamento, e procedeu a botar a esta familia. 

Desde a plataforma de STOP-Desafiuzamentos criticaron que tanto no Instituto Galego de Vivenda e Solo como no Concello de Compostela non fixeron nada para axudar a esta familia e definiron como "unha tomadura de pelo" a súa actitude.

Estafad@s

A familia presentara antes do verán unha denuncia apoiada pola plataforma Stop-desafiuzamentos Compostela por "estafa". E é que a súa casa é propiedade dun empresario francés que lles emprestou diñeiro a cambio de ficar coa propiedade en réxime de aluguer.

R.M., iniciais do prestamista francés, foron feitas públicas pola plataforma cidadá que denuncia as actividades do devandito empresario quen se dedica a arrendar vivendas "por conta propia" segundo se pode atopar na Internet. Após diversos impagos, por imposibilidade económica, do diñeiro que lles exixía o prestamista solicitou a orde de desafiuzamento.