DÍA MUNDIAL CONTRA A HOMOFOBIA

Despatoloxizar, despenalizar, desaprender: loitas LGTB e emancipación social

Este 17 de Maio, ademáis do día das nosa lingua, é tamén o Día Internacional contra a Homofobia, a Bifobia e a Transfobia. No Estado español, desde hai case sete anos, o PP ten recorrida perante o Tribunal Constitucional a lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo

Tal día como hoxe, hai vinte e dous anos, o 17 de maio de 1990, a Organización Mundial da Saúde (OMS), seguindo os pasos dados na década dos setenta pola psiquiatría norteamericana, suprimía a homosexualidade do CIE 10, a Clasificación Internacional de Enfermidades. A eliminación da suposta condición patolóxica de gais e lesbianas foi un acontecemento crucial no longo camiño cara á emancipación do colectivo homosexual, pondo ao descuberto a homofobia (re)producida e lexitimada polo discurso médico oficial e contribuíndo enormemente para a aceptación social da homosexualidade.

Por 'homofobia' --e, máis en xeral, por LGTBfobia-- entendemos un fenómeno social e cultural que consiste nun conxunto persistente de actitudes e sentimentos de repulsión, rexeitamento, medo psicolóxico e social, hostilidade, vergoña, intolerancia, odio e desprezo, entre outras actitudes negativas, de gais, lesbianas, bisexuais e transexuais polo simple feito de o seren.

A LGTBfobia, do mesmo modo que o racismo, o machismo ou o clasismo social, exprésase a través de discursos, prácticas e relacións sociais de opresión e dominación 

A LGTBfobia, do mesmo modo que o racismo, o machismo ou o clasismo social, entre outras formas de discriminación, exprésase --ás veces de maneira sutil e indirecta, outras de maneira brutal e sanguenta-- a través de discursos, prácticas e relacións sociais de opresión e dominación duns grupos sobre outros. Estas relacións, que poden ir desde a violencia física até a violencia simbólica --humillación verbal, discriminación legal ou ausencia de recoñecemento social, entre outras formas--, limitan a capacidade das persoas afectadas para desenvolver e expresar en contextos públicos determinados sentimentos, experiencias e pensamentos, competencia necesaria para un autodesenvolvemento psicosocial satisfactorio. O seu obxectivo último é, por tanto, inferiorizar, invisibilizar e esnaquizar psicolóxica e mesmo fisicamente a quen as sofre.

Lamentabelmente, a despatoloxización da homosexualidade non significou a fin da homofobia, e moito menos o da LGTBfobia alentada durante séculos, de xeito especial a partir da modernidade occidental, por un numeroso continxente de axentes e institucións, incluíndo a academia, o dereito, a medicina, o ensino, os medios de comunicación e a relixión.

Guiados por unha ideoloxía patriarcal e homofóbica, construíron linguaxes repletas de imaxes estereotipadas e discursos punitivos que degradaban as persoas LGTB a unha condición de sub-humanidade e relegábanas a un estado de marxinalidade, anormalidade, enfermidade e inmoralidade que serviu, e serve, para xustificar no mundo a súa persecución, humillación, asasinato, tortura, malos tratos, detención arbitraria, negación de oportunidades e violación de dereitos.

Esta ideoloxía patriarcal e homofóbica (re)produtora de sub-humanidade susténtase nun patrón de pensamento colonial, machista, racista e heterocéntrico que, como sinalou o sociólogo Aníbal Quijano, estabelece "unha concepción de humanidade segundo a cal a poboación do mundo se diferenciaba en inferiores e superiores, irracionais e racionais, primitivos e civilizados, tradicionais e modernos".

Esta ideoloxía patriarcal e homofóbica (re)produtora de sub-humanidade susténtase nun patrón de pensamento colonial, machista, racista e heterocéntrico 

Trátase dunha razón que comprende a diferenza como perigo e valóraa como desigualdade e inferioridade; unha razón "preguiceira, que se considera única, exclusiva, e que non se exercita o suficiente como para poder ollar a riqueza inesgotábel do mundo". Noutras palabras, as diferenzas --epistémicas, étnicas, de xénero, sexuais, económicas-- son naturalizadas e utilizadas para xustificar un trato diferente --léase xerárquico--, isto é, para atribuír '@s diferentes' --as persoas LGTB, neste caso-- unha serie de esencias, roles e atributos inferiorizantes en función da súa condición afectiva e sexual. As persoas non heterosexuais son, neste sentido, vistas e declaradas 'o outro' da humanidade, lexitimando e naturalizando, en consecuencia, unha armazón de opresión, subordinación e deshumanización do colectivo.

A pesar das conquistas notábeis que nos últimos anos se deron en diferentes países do mundo no campo da lexislación pública sobre diversidade afectiva e sexual, a loita pacífica e democrática pola igualdade real e o recoñecemento público do colectivo LGTB non terminou. Non podemos esquecer, ademais, que os dereitos se gañan, mais tamén se poden perder. Os dereitos non son realidades eternas e inmutábeis nin concesións irrevogábeis e definitivas, senón conquistas socioxurídicas logradas con moito esforzo, produtos culturais, bens comúns resultantes de tenaces loitas históricas e sociais.

Fica un camiño moi longo por percorrer para a consecución do verdadeiro cambio mental e social sen o cal a igualdade efectiva de gais, lesbianas, bisexuais e transexuais seguirá sendo unha utopía. O recoñecemento xurídico e a normalidade legal do colectivo LGTB non chegaron da mesma maneira nin ao mesmo ritmo que o recoñecemento e a normalidade social. Esta falta de coincidencia sinala os diferentes modos en que as persoas LGTB seguen loitando contra o prexuízo e a violencia lexitimados pola heteronormatividade.

Continúa vixente un modelo de sociedade patriarcal, androcéntrica e heterosexista en que a heterosexualidade é privilexiada e considerada a orientación sexual normal e natural: todas as persoas son consideradas heterosexuais até que se demostre o contrario. O heterosexismo e a heteronormatividad están institucionalizados no traballo, a educación, a linguaxe, a saúde, os servizos públicos, os medios de comunicación, a cultura e a relixión, entre outros ámbitos da vida individual e colectiva, favorecendo os comportamentos e mensaxes discriminatorias.

Continúa vixente un modelo de sociedade patriarcal, androcéntrica e heterosexista en que a heterosexualidade é privilexiada 

A persistencia da homofobia, a bifobia e a transfobia perpetúan situacións de discriminación e violencia estrutural que matan e prexudican as persoas LGTB, independentemente da súa posición social, país, idade, credo ou ideoloxía. Segundo informa o observatorio da ONG internacional Transgender Europe, cada tres días é asasinada unha persoa transexual no mundo; en San Petersburgo (Rusia), desde finais de marzo está en vigor a lei que prohibe calquera tipo de 'propaganda homosexual' entre @s menores, sendo detid@s dúas moz@s manifestantes por mostrar carteis coa consigna 'Ser gai é normal'; recentemente, a gañadora do Premio Nobel da Paz en 2011, Ellen Johnson Sirleaf, mostrábase, cunhas declaracións decepcionantes e ofensivas, partidaria de aplicar a pena de cárcere, e por tanto criminalizar, os 'actos homosexuais'.

No Estado español, desde hai case sete anos, o actual partido gobernante (PP) ten recorrida perante o Tribunal Constitucional a lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo; e, entre tanto, algún perigoso bispo, violando impunemente os valores constitucionais, e sen poder condenar as persoas LGTB ao lume da Inquisición, condenounas ao lume do inferno. En Portugal, a Federação pela Vida presentou recentemente unha petición que persegue cambios regresivos na lexislación que regula o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e a lei de identidade de xénero, entre outras. En Grecia, grupos de simpatizantes neonazis do partido Amencer Dourado advertiron ás persoas homosexuais que, despois d@s inmigrantes, el@s serán @s seguintes na lista. Son só algunhas ameazas preocupantes da actualidade que ilustran de maneira evidente o carácter provisional e fráxil de conquistas socioxurídicas fundamentais.

O PP ten recorrida perante o Tribunal Constitucional a lei que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo 

A loita constante que as persoas e grupos LGTB mantiveron en todo o mundo ao longo da historia permitiu denunciar e visibilizar unha forma de violencia que segue formando parte das nosas mentalidades e sociedades. Loitar polo recoñecemento igualitario e efectivo da diversidade sexual e afectiva é loitar para que a diversidade non se traduza en estados de sub-humanidade. É loitar contra os esquemas epistémicos e as estruturas socioculturais que estabelecen graos ou xerarquías de humanidade e someten as persoas LGTB a situacións de invisibilidade e inferioridade permanentes, xa sexa tratándoos como enferm@s, pecador@s ou delincuentes.

Do mesmo xeito que a LGTBfobia se constrúe social e culturalmente, tamén se pode deconstruír. Consideramos, para ese efecto, que as loitas pola emancipación LGTB presentes e futuras deben guiarse por tres principios chave:

Despatoloxizar, que significa desnaturalizar a medicalización e bioloxización dos roles de xénero e os comportamentos sexuais, así como combater o poder biomédico como discurso hexemónico sobre os corpos e as sexualidades. Despatoloxizar significa tamén cuestionar os prexuízos médicos e a lexitimidade científica dos pretendidos diagnósticos --'trastorno'--, tratamentos e terapias, inserindo os discursos patoloxizantes no ámbito de fenómenos sociais e colectivos máis profundos, como as relacións hexemónicas de poder, que constrúen e obxectivan canons dominantes de saúde, que estabelecen o que se considera 'normal' e o que se considera 'patolóxico'.

Despenalizar non significa unicamente deixar de perseguir, discriminar e castigar por lei as relacións afectivas e sexuais entre persoas do mesmo sexo, senón tamén recoñecer constitucional e lexislativamente os dereitos civís --matrimonio, parentalidade, liberdade de expresión e asociación-- das persoas LGTB, dereitos que son a condición básica en que se apoia a cidadanía íntima, sexual e reprodutiva.

Desaprender significa, ante todo, desenmascarar e, na medida do posíbel, abandonar o vasto conxunto de técnicas, estratexias e fontes de opresión --esquemas, teorías, ideas, conceptos, estereotipos, percepcións, normas de actuación, hábitos, conversacións, interpretacións, etc. sobre a diversidade sexual-- presentadas como 'veracidades incambiábeis e verdades sacras' que xustifican, sosteñen e reproducen o machismo, o sexismo e o heterosexismo en que se funda o patriarcado. Desaprender é moito máis difícil que aprender, pois ao pór en cuestión os vellos conceptos algo se cambalea e quebra en nós, permitindo a quen desaprender substituír o descoñecemento, o prexuízo e o medo pola solidariedade, o que abre novas e estimulantes posibilidades de relacións humanas, máis xustas e democráticas.

Estas tres palabras poden, á súa vez, condensarse nunha soa, empoderar, que consiste nun proceso de capacitación en que as persoas e grupos LGTB adquiren autoconfianza e autoestima e gañan a forza necesaria para transformar en diferentes contextos e situacións a súa posición de subordinación nas relacións sociais. Tal e como o define a antropóloga mexicana Marcela Lagarde, "empoderamento significa, en termos políticos, modificar as pautas políticas que coartan a vida persoal e colectiva ao crearen condicións para eliminaren os poderes persoais e sociais que oprimen".

Hoxe é 17 de maio de 2012. Vinte e dous anos, en termos históricos, son moi poucos para o cambio de ideas e mentalidades, que é lento e non repentino. Con todo, o longo camiño cara á emancipación LGTB debe continuar, impulsado polas forzas imparábeis da igualdade e a diversidade. Ernest Hemingway escribiu unha vez: "O mundo é un bo lugar, e paga a pena loitar por el". Estamos de acordo coa segunda parte, por iso non podemos deixar de celebrarmos e reivindicarmos este día.

Nota: Este texto foi traducido ao galego a partir do orixinal publicado por Antoni Jesús Aguiló e Ana Cristina Santos en Rebelión