Caos nun cribado dun concello con máis de 2.000 casos de incidencia por 100.000 habitantes

Imaxe da carpa onde agardaba a xente para acceder ao centro de saúde. (Foto: Nós Diario)
A veciñanza de Soutomaior coa que contactou o Sergas acudiu esta terza feira de forma masiva para realizarse a PCR, mais a falta de organización por parte da Consellaría de Sanidade puxo en risco a saúde de ducias de persoas e provocou que outras moitas marchasen á casa sen chegaren a ser atendidas.

Esta terza feira, noutro dos cribados masivos da Covid-19 convocados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), quedou á vista a falta de organización da Administración galega á hora de facer estes controis. Veciñas e veciños de Soutomaior denunciaron a carencia de xestión das horas das citas e a falta de espazo para manter a distancia de seguridade nunha xornada chuviosa en que ducias de persoas se xuntaron baixo unha carpa.

A incidencia do coronavirus en Soutomaior está por enriba dos 2.000 casos por cada 100.000 habitantes. Na práctica, isto tradúcese en que nun municipio en que hai 7.350 persoas empadroadas se rexistren 149 casos activos.

Esta circunstancia levou a Consellaría de Sanidade a planificar unha convocatoria para realizar probas do virus a unha boa parte da poboación, mais a organización segundo denuncian persoas que acudiron ante as mensaxes enviadas polo Sergas.

Máis alá de que as PCR se están a realizar hoxe nun espazo fechado como é o centro de saúde de Arcade -con apenas persoal e de dimensións reducidas como para dar todas as garantías de seguridade, distancias e desinfección-, instalouse unha carpa. Pero a falta de persoal para controlar os accesos da cidadanía fixo que baixo ese elemento se acumulasen ducias de persoas sen respectaren a distancia de seguridade.

Por iso, moitas persoas decidiron regresar á casa ou ao seu posto de traballo cando chegaron até alí por medo a contaxiarse. "É un descontrol absoluto", di Ánxela, unha muller con perfil de risco, que sostén que "ben organizado non estaba". Ela, que vén evitando aglomeracións de xente pola súa situación, pensou que facer a proba por unha cuestión de prevención podería conlevar un contaxio inesperado dada a acumulación de veciñas e veciños na carpa.

"Había máis dun cento de persoas, sin que se controlase o horario das citas, e preguntei a unha persoa de Protección Civil como ía o sistema", comenta, e engade: "Díxome que mandaban pasar un grupo e cando saía, entraba o seguinte". Por tanto, non quixo achegarse moito á xente e dubidou de que dese tempo a facer unha desinfección no ambulatorio. En consecuencia marchou.

Ela recoñece que máis coñecidas e coñecidos fixeron o mesmo, decidiron evitar contactos e ficaron sen someterse á proba. O mesmo que Ramón, que despois de achegarse á zona, lamentaba que ás persoas estaban a ser atendidas "tarde" con respecto á hora que foran convocadas. Se ben el acudiu apenas cinco minutos antes da cita, na zona xuntáronse convocados de todas as horas e apenas había quen lles mandase marchar.

Balances enganosos

O home foi testemuña dun dos poucos controis, pois un policía pediulle o móbil para ver a hora que figuraba na mensaxe e tamén viu como advertía a unha muller de que lle poría unha sanción se non cumpría as normas. Este axente tamén pediu distanciamento "pero era imposíbel porque a xente non cabía".

"Moitos marchamos indignados pola situación, eu onde máis sinxelo vin contaxiarse nestes meses é no Sergas, tanto nunha proba que fun facer con anterioridade coma hoxe", sostén. Malia que había tres grupos fixados (A, B e C), á hora de chegar alí non había colas diferenciadas polas letras.

"Tería sido moito máis seguro facer as PCR desde os coches ou no pavillón", reflexiona. Así que regresou á casa, algo que fixeron ducias de persoas, algunha das cales chanceaba con que, en lugar de semellar unha carpa para facer probas da Covid, semellaba da Festa da Ostra pola cantidade de persoas que alí se congregaban.

Por tanto, as cifras que logo achega a Xunta da participación nos cribados poden non ser tan reais como fan crer. Tal e como aconteceu en Soutomaior, noutras vilas e municipios a poboación podería ter marchado por medo a contraer a infección pola falta de xestión e organización.