A desobediencia, en tempos de coronavirus, págase

As sancións impostas por desobedecer de forma grave o confinamento a data van dos 360 euros de multa aos seis meses de prisión. (Europa Press)
Os xulgados galegos están a condenar de forma maioritaria as infraccións do estado de alarma susceptíbeis de sanción penal. Dunha vintena de sentenzas, só unha exculpa o encausado do delito de desobediencia. Os arquivos dos procesos derivados das denuncias da autoridade tamén son a excepción. 

Un xulgado de Vigo ditaba hai unha semana o sobresemento e arquivo da causa penal aberta a dous homes, denunciados por quebrantar o confinamento. Ao auto, que desbota a comisión dun delito de desobediencia polo feito de estar na rúa, súmanse esta semana dous novos arquivos, estes procedentes dun xulgado de Ribeira, contra outras dúas persoas denunciadas tamén por desobediencia. Son as excepcións á posición xudicial maioritaria ante as denuncias por incumprimento reiterado do estado de alarma na Galiza.

Desde o inicio do confinamento, os xulgados galegos fixeron públicas algo máis dunha vintena de resolucións por infraccións penais vinculadas ao incumprimento reiterado do estado de alarma. No caso dos xuízos, 21, todos agás un, acabaron en sanción, ben económica (cun mínimo de 360 euros) ou, nos feitos máis graves –resistencia ou multirreincidencia–, en penas de até seis meses de prisión. A práctica totalidade foron contra homes e só hai datos de dúas mulleres, penadas en repetidas ocasións.   

A única sentenza absolutoria procede do xulgado do penal 1 da Coruña e refírse a un veciño de Carballo encausado tras ser sorprendido nas inmediacións dunha igrexa, após varias sancións por estar na rúa sen xustificación. O maxistrado destaca que asistir a lugares de culto non está prohibido polo decreto do estado de alarma e resolve que, malia a "dubidosa redacción" do artigo que regula as restricións na circulación de persoas, "en materia de limitación de dereitos, e máis de dereitos fundamentais, hai que considerar que o que non está expresamente prohibido, está permitido".

No caso vigués, o auto do xulgado de instrución 4 rexeitaba levar a xuízo aos dous homes denunciados tras ser sorprendidos en repetidas ocasións na rúa sen motivos autorizados. Faino en atención a unha serie de criterios, entre eles, o feito de que "non constase" naquel momento –si agora, após esta resolución– un requirimento formal "expreso" e "persoal" para que non estivesen no espazo público, malia incumprirse o estado de alarma. Segundo estima o xuíz, "o non cumprimento dalgunha das medidas que se contemplan, precisamente as que provocan unha limitación dos dereitos fundamentais á libre circulación, non pode supor, por si mesmo, un delito de desobediencia". 

O auto remítese ademais á "marxinalidade social" dos denunciados, de quen sinala nun dos casos que vive "case con total seguridade na rúa ou nunha casa ocupada de forma ilegal", para calibrar a súa conduta, "que non pode catalogarse sen máis como grave" (e, polo tanto, delictiva). Así, remarca que só se define como tal "aquela actuación terca, tenaz, contumaz ou recalcitrante que obstaculice a autoridade" e non a "mera pasividade o negativa a obedecer". Como tamén apunta, a criminalización dunha infracción administrativa polo mero feito da súa repetición "non é constitucionalmente lícito". 

En canto aos dous autos de arquivo emitidos o pasado 30 de abril polo xulgado de Ribeira, ambos susténtanse na posición da Fiscalía, que pide o sobresemento, ao non haber constancia dese "requirimento persoal" por parte da autoridade. A falta dunha parte acusadora leva a xuíza ao arquivo dos procesos.  

Mais alá destas excepcións, si houbo xulgados que optaron por deixar en liberdade provisional as persoas detidas por infraccións penais do confinamento, en espera do xuízo. Cun razoamento similar ao de Vigo, un xulgado de Pontevedra acordaba en abril a liberdade dun home denunciado en varias ocasións por estar na rúa e sospeitoso de furtos, se ben días despois era detido novamente e enviado a prisión, ao considerarse que aproveitaba o confinamento para delinquir. En alomenos tres casos optouse en cambio pola prisión preventiva, á vista da reiteración delictiva; en ocasións, por romperse o confinamento o mesmo día no que se aceptara unha condena polo mesmo.

En canto ás sentenzas, coa única excepción da da Coruña, son todas condenatorias e, na súa maioría, ditadas por conformidade da persoa acusada, quen recoñece os feitos para acadar un acordo coa Fiscalía sobre a súa pena, unha modalidade que exime o xulgado de argumentar xuridicamente a súa posición. 

Así sucedeu nunha quincena de casos. En todos eles, a desobediencia ten a ver coa desatención das ordes de axentes para non estar na rúa ou por escapar da autoridade, por coller o coche sen xustificación, abrir un estabelecemento comercial en contra do estado de alarma, ou por beber, fumar ou drogarse no espazo público.

Sen atención á drogodependencia

Resulta salientábel ademais que máis de media ducia das sentenzas recoñecen a toxicomanía da persoa sancionada, se ben unicamente nunha esa condición se contempla como circunstancia atenuante da desobediencia. Trátase dunha muller, multada por un xulgado de Ribeira con 600 euros como autora reincidente, por dúas sentenzas previas polo mesmo delito durante o estado de alarma.

Entre os ditames cóntase outro contra un home sen fogar, detido e axuizado tras ser detectado na rúa en cinco ocasións. O xuíz, que lle impón tres meses de cadea, indica que en cada  unha das intervencións policiais se lle comunicou a existencia dun espazo habilitado para acoller persoas na rúa. Tampouco neste caso a súa condición merece consideración especial.