Desmantelado en Boiro un laboratorio de falso xel hidroalcólico feito con augardente

Imaxe do interior da nave de Boiro usada como laboratorio.
A Garda Civil detivo dúas persoas como responsábeis dun laboratorio clandestino de falso xel hidroalcólico, sen poder desinfectante, que se mesturaba con augardente e que se vendía, principalmente, a centros de saúde e hospitais de todo o territorio español.

Foron as queixas de pacientes, que alertaban do "forte cheiro a augardente" do suposto hidroxel o que destapou a fraude. O equipo investigador apunta que o produto tiña unicamente 25% de alcol, en lugar de 70% que debería conter como mínimo.

Debido á "necesidade urxente de produto" derivada da pandemia, sinala a Garda Civil, as detidos, que "se ofertaban como químicos con ampla experiencia", puideron "colocalo facilmente, evitando calquera requirimento documental e de calidade".

A empresa carecía ademais das autorizacións oportunas da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios para fabricar o desinfectante, segundo informan desde a Garda Civil. No rexistro na nave avícola onde montaran o laboratorio detectáronse 400 litros do falso xel hidroalcólico xa envasado.

Ademais, o operativo retirou 6.400 litros do produto xa distribuído en hospitais e centros médicos.