"É un desleixo extremo": urxen o PP desbloquear a comisión parlamentar para a restauración da letra do Himno galego

Debate da ILP para a restauración do Himno galego no Parlamento en setembro de 2013. (Foto: Arxina)
Vía Galega e Galiza Cultura esixen que se repare dunha vez despois de que o PP se comprometera a abordar o tema tras votar en contra da ILP que exixía a súa revisión hai máis dun ano.

En setembro de 2023 debateuse no Parlamento da Galiza a Proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a restauración do texto fidedigno do Himno galego e a súa difusión, promovida por Vía Galega e Galiza Cultura e avalada por perto de 16.000 sinaturas.

"Infelizmente non foi tomada en consideración" lembran nun comunicado dirixido aos medios as entidades impulsoras, ao contar só co apoio do BNG e cos votos en contra de PP e PSOE. "Ante a falta de argumentos, tanto o PP como o PSOE pretenderon xustificar o seu voto en contra  co compromiso de constituír unha comisión do Parlamento para abordar o tema. Vanse facer 15 meses daquel compromiso parlamentario e de que o portavoz do PP afirmase que comprometía a súa palabra a que antes do remate do ano 2023 o tema estaría resolto".

A realidade, salientan, é que a día de hoxe, malia se constituír formalmente a misión hai uns seis meses, "o PP tena totalmente paralizada, pois nin sequera se fixou a orde de traballos, amosando, máis unha vez, un total desleixo e desconsideración para co noso Himno".

A vontade de Pondal

Vía Galega e Galiza Cultura fan memoria dunha demora crónica á hora de revisar e restaurar o texto fidedigno do Himno galego. "Esta actitude de desgana e desidia foi unha constante do PP a partir da primeira vez [1996] en que se tratou o tema no Parlamento por iniciativa do BNG. Foron sempre desculpas deliberadas e argumentos falaces os que impediron a restauración do Himno, malia a ser un tema recorrente no Parlamento".

En consecuencia, advirten, a Lei de Símbolos da Galiza de 1984 continúa sen modificarse e sen introducir as correccións precisas na letra do Himno, de acordo co texto orixinal e coa vontade do seu autor, Eduardo Pondal.

"Por moi sorprendente que pareza, o feito é que despois de 40 anos da promulgación da Lei de Símbolos da Galiza o texto do noso Himno, como ten demostrado o catedrático da UDC Manuel Ferreiro hai xa máis de 30 anos, contén diferentes alteracións que se foron transmitindo e que continúan sen estar corrixidas oficialmente".

É inaceptábel e indigno que o Goberno galego sexa tan desconsiderado cos símbolos nacionais galegos mentres promove e abraza a asimilación españolizadora

Entre outras cuestións a reparar, as entidades que na recta final de 2024 volven exixir ao Parlamento galego a restauración do Himno sinalan por exemplo, a recuperación da indicación de que o texto é un diálogo, desaparecida; a substitución de formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano, nomeadamente castelanismos e hiperenxebrismos (ronco en lugar de rouco e iñorantes por ignorantes), presentes na versión que se segue a cantar; a eliminación  de formas inexistentes no poema de Pondal e na lingua galega (féridos por férridos) e a alteración da forma correcta clan por chan.

"Desprezo"

"Está actitude de desleixo extremo só se pode entender polo desprezo do PP para con todo o que nos representa e identifica como pobo, malia que contradiga a evidencia científica. É inaceptábel e indigno que o Goberno galego sexa tan desconsiderado cos símbolos nacionais galegos mentres promove e abraza a asimilación españolizadora. A súa antigaleguidade condúceos a negar todo o que sustenta a nosa razón de existirmos e sermos unha nación. Só así se entende que continúen sen cantar o himno completo e restaurado e eviten difundilo e popularizalo masivamente", subliñan.

Neste sentido, Vía Galega e Galiza Cultura exixen que o PP desbloquee a comisión parlamentar e que definitivamente se restaure oficialmente a letra do Himno, "ao tempo que reclamamos da Xunta da Galiza a edición dunha publicación masiva para que todas as galegas e galegos o aprendan para podelo cantar correctamente".

Tanto Vía Galega como Galiza Cultura continúan "empeñadas" en divulgar e popularizar o Himno corrixido, de aí que este ano, de novo, o día 20 de decembro, coincidindo co 117 aniversario da estrea do Himno galego na Habana, se vaian realizar diferentes actos que rematarán todos coa interpretación completa e restaurada do Himno galego.