Denuncian eivas estruturais no ambulatorio compostelán de Conxo: "Caen entullos enriba do persoal"

Deficiencias denunciadas por Comisións Obreiras no centro de saúde de Conxo, en Compostela. (Foto: CCOO)
Comisións Obreiras alerta da "deterioración constante" deste centro de saúde e reclama da xerencia da área sanitaria unha solución "urxente e axeitada" dado que o edificio "non é seguro" actualmente para prestar asistencia sanitaria.

Dúas semanas despois da multitudinaria manifestación que encheu as rúas de Santiago na defensa da Atención Primaria e o sistema sanitario público, seguen a sucederse as denuncias de diferentes problemas en centros de saúde de todo o país. Agora é a quenda do ambulatorio de Conxo, na capital galega, que está a sufrir unha "deterioración constante", denuncia o sindicato Comisións Obreiras a través dun comunicado.

Alén de "numerosas eivas estruturais", aseguran, o centro padece un "desleixo" que provoca mesmo a "caída de entullos" enriba do persoal e tamén nas salas de espera, mentres desde a área sanitaria de Santiago-O Barbanza, dirixida pola curmá de Alberto Núñez Feixoo, Eloína Núñez, "non adoptan medida resolutiva ningunha".

"No último ano producíronse sucesos moi graves: desprendementos do teito con anacos de formigón que caen nas consultas enriba dos traballadores e traballadoras, desprendementos na sala de espera, levantamento do chan co conseguinte risco de caídas que supón para o persoal e para os usuarios e usuarias...", alertan desde CCOO.

O persoal sanitario, afirman, vive a diario co "medo" a que estes incidentes "rematen cun accidente con danos persoais". A pasada semana, sinalan, houbo un novo desprendemento na sala de espera dunha consulta fechada, "polo que afortunadamente non había ningún paciente sentado nesa zona".

Todas estas "deficiencias estruturais", lembran, "motivaron a decisión de construír un novo centro de saúde", se ben o sindicato lamenta que "non se produce avance ningún neste proceso desde hai anos", malia que a deterioración das actuais instalacións é "cada vez maior".

O futuro de Conxo

"O sindicato non ten coñecemento das previsións de construción e apertura do novo centro, pero entendemos que non se pode seguir a prestar asistencia nun espazo que non é seguro, xa que cada pouco estase a producir un incidente deste tipo", recalcan, ao tempo que demandan da xerencia unha solución "urxente e axeitada" que arranxe esta situación "prolongada no tempo" e que non se siga a "pór en risco" as persoas.

A este respecto, a Xunta avanzou o pasado ano na redacción do proxecto de reforma do ambulatorio, se ben, polo de agora, non hai visos de construción dun novo. Formacións políticas como BNG, Compostela Aberta ou PSdeG reclamaron nos últimos meses esta infraestrutura que parte dun "compromiso esquecido" hai anos polo Goberno galego.

O candidato do PP á Alcaldía de Santiago, Borja Verea, exixiu en xaneiro "atender as necesidades do barrio", como o novo centro de saúde, se ben desde o Goberno local replicaron lembrándolle que, como deputado no Parlamento da Galiza, votou canda o resto da bancada popular en contra, decisión que xustificou alegando que a proposta ía dentro de numerosas "emendas demagóxicas e partidarias" da oposición aos Orzamentos para 2023.