Desleixo e abandono do patrimonio na serra de Leboreiro: “Estamos deixando perder algo dun valor incalculábel”

Penedos da chan.

A asociación Pereira Adiante pula polo compromiso das administracións e veciñanza con esta riqueza e denuncia a existencia túmulos neolíticos sen a máis mínima protección; xacementos danados por actividades forestais, Bens de interese cultural (BIC) abandonados… 

A Serra do Leboreiro é un cemiterio neolítico, “dos máis grandes que hai no mundo do seu tipo”, en palabras de Rubén Fernández, da asociación Pereira Adiante (Bande). Unha xoia nunha zona que alberga “un patrimonio incalculábel que se está a deixar perder”. Por abandono, por desleixo, por incompetencia ou por desinterese. Pero patrimonio de gran valor e importancia, de túmulos neolíticos a xacementos galaicorromanos, están en perigo, perdéndose, sen que desde as administracións se decidan actuar.

Dáse a voz de alerta desde Pereira Adiante, un colectivo cultural desta parroquia de Bande.  “No caso de Pereira ningún dos túmulos neolíticos que se atopan nas nosas inmediacións goza de protección especial  nin tan sequera de perimetracións, valados ou algún tipo de sinalización/protección específica”, indican. Citan Penedos da Chan, Pedrouzos ou Fonte da Ra como exemplos de túmulos nun mal estado.

 

“O xacemento galaicorromano-altomedieval de Cachiberga-Pardieiros está  inmerso na broza, sen ningún tipo de medida preventiva para evitar maiores deterioros”, lamentan.

 

Danos da industria forestal

 

Mais este patrimonio non sofre só polo abandono. Tamén están “danados por actividades forestais invasivas como as reforestacións de piñeiros que se fixeron nos últimos anos ou a apertura de camiños baldíos que non cumpren ningún tipo de función e que quedan desleixados durante anos, décadas en moitos casos”.

 

Os canastros (que son Ben de interese cultural –BIC- en Galiza) tamén padecen o abandono. “En Pereira fican aínda 40 en pé”, sinala Rubén Fernández. Nesa zona os canastros son rectangulares e mixtos, cos pés e tornarratos de pedra e o esquelete de madeira ou ben madeira e pedra.  Outro ben que queren que se preserve.

 

“Como colectivo cultural sen ánimo de lucro valoramos a posibilidade de instar ante a "Dirección Xeral do patrimonio" ou onde sexa preciso para que se reverta esta situación. Non se pode ofrecer unha imaxe de estar nunha reserva da biosfera e nun parque natural e transixir esta perda tamaña e a indiferenza que a induce”.

Fotos interiroes cedidas por Pereira Adiante:

Penedos da Chan no monte comunal de Pereira, unha zona con importantes restos tumulares neolíticos

Aira da Moreira, de gran valor cultural pola sua orografía e conxunto de canastros espigueiros