CAMBIO HORARIO

Un desfase de hora á altura da China

Cambio estacional e situación ao respeito do fuso horario son as dúas patas do debate que xira ao redor da hora e que, con cada mudanza, regresa á actualidade. Analizamos estas dúas vertentes a piques de encetarmos o horario de inverno, que pode ser o último en función da decisión que adopte Madrid logo do debate aberto coa enquisa impulsada por Bruxelas. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 319 de Sermos Galiza.

O da hora é un debate tan interesante como poliédrico. Á aresta do desfase horario que sofre Galiza en relación ao fuso correspondente sumóuselle este verán a da pertinencia ou non do cambio de hora en función da estación. Unha discusión, esta última, favorecida pola enquisa impulsada pola Comisión Europea, que abriu a porta á posíbel fin da mudanza horaria estacional. O Goberno central convocou unha comisión de persoas expertas para avaliar a posíbel reforma horaria.

 

En La hora oficial en España y sus cambios, Pere Planesas, astrofísico do Observatorio Astronómico a nivel Estado, sinala que desde 1940 a hora de referencia no Estado español non é a do fuso horario que lle corresponde (o 0) senón o UTC+1, “como consecuencia, na metade máis occidental de Galiza, que se atopa no fuso UTC-1, hai un gran desacordo, o máximo en Europa, entre a hora solar local e a hora oficial”. Acrecenta que, “en verán, coa implantación do horario adiantado dáse a circunstancia de que nalgún municipio a diferenza entre o mediodía solar verdadeiro e as 12 horas oficiais chega a exceder os 160 minutos”. “Só no oeste da China se supera tal desfase”, afirma.

 

Nese artigo científico, o astrofísico alude á proposta do BNG a respeito de adoptar a hora oficial vixente en Portugal, que comparte co Reino Unido, Irlanda, Islandia e as Illas Canarias, e lembra que son moitos os países con diferentes horas legais en distintas partes do seu territorio. Cita os casos de Australia, O Brasil, O Canadá, Os EUA, Indonesia, México e Rusia. “Dada a situación actual, cabería mesmo considerar a posibilidade de que países como España e Franza adoptasen a hora do fuso que lles corresponde, o cal aliviaría a cuestión do gran desaxuste entre a hora oficial e a solar na Galiza”.

 

Coincide con Pere Planesas o membro da Agrupación Astronómica Ío Martin Pawley, quen, en declaracións a Sermos Galiza, salienta que “os que pensan que a hora na Galiza é coherente, deberían asumir entón que o resto do planeta está mal”. “Non sería trauma administrativo ningún que Galiza tivese un horario diferente ao do resto do Estado e non suporía ningún problema técnico que non fose doado de resolver”, engade.

O fuso como guía

 

O físico Jorge Mira, que forma parte da comisión de expertas creada polo Goberno central para abordar unha posíbel reforma horaria, considera “moi pernicioso” falar de “fusos correctos e incorrectos” e explica que o fuso xeográfico “é unha guía”. “Os números que se lles dan aos eventos solares non son relevantes”. Pon o seguinte exemplo para demostrar a súa tese: “É como se temos un termómetro en escala Celsius e outro en Fahrenheit, o Celsius pode marcar 100 e o Fahrenheit, 212. O de 212 non está máis quente que o de 100. O fuso o que está poñendo son esas marcas. Cando ti tes unha sociedade que ten equilibrio, se lle cambias as marcas escarállala completamente”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 319 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]