A deseucaliptización na Eira da Xoana, prato forte do San Xoán de Adega

Voluntarios da Eira da Xoana nunha campaña anterior. (Foto: Eira da Xoana / Adega)
A asociación ecoloxista tamén participará na marcha de protesta contra Ence e a política forestal derivada das súas necesidades que organiza a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra. A acción reivindicativa terá lugar o próximo 4 de xullo.

A Fundación Eira ligada á Asociación Ecoloxistas Adega e responsábel da Xestión da Eira da Xoana programou unha celebración moi particular do solsticio de verán e o San Xoán.

Malia decorrer na cuarta feira, na xornada anterior ao festivo, os membros desta institución convocaron unha "deseucaliptización da chousa da Eira". Este acto co que comezará a xornada de festexos era unha práctica habitual no espazo antes da pandemia, mais escoller unha data sinalada e retomar este tipo de accións no contexto actual, é significativo e converte o acto nunha acción reivindicativa.

De feito, Adega ten amosado a súa posición contraria á política forestal da Xunta e á moratoria á plantación de eucaliptos, por considerar que se fixo un efecto chamada como tamén denunciaron outros colectivos ecoloxistas. Máis aló desta limpeza, as e os participantes -que requirían comunicación previa polas restricións da Covid-19- tamén gozarán coa recollida de flores e os preparativos para a fogueira de cara á noite.

Á marxe desta actividade, que deixara o pouso de denuncia pola política da Consellaría do Medio Rural, Adega tamén ten a mente noutras vertentes ligadas a ese decorrer do monte galego.

Ence e o eucalipto

Así insta á cidadanía a acudir á Marcha contra Celulosas o día 4 de xullo. A iniciativa, que protesta pola presenza de Ence na ría de Pontevedra pero tamén ante posíbeis novas factorías, terá dous puntos de saída desde as alamedas de Pontevedra e Marín ás 12 horas.

A concentración, auspiciada pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR), mesmo ten unha demanda de sinaturas simultánea á organización para o día 4 a través da plataforma Change.org.

Entre as explicacións que formula o colectivo para pedir a saída de Ence, indican que "a desmedida eucaliptización dos montes galegos e, como consecuencia, a proliferación e voracidade dos lumes forestais, é unha consecuencia directa da necesidade de abastecer de eucalipto á fábrica".

"O progreso e a riqueza anunciados, foron en realidade un freo ao desenvolvemento económico de Galiza e a peor das condenas para a nosa comarca!", engade.