Desestiman as alegacións da doutora Fátima Nercellas, expedientada por sacar pacientes dos corredores

A doutora Fátima Nercellas, nunha imaxe da campaña de apoio (Foto: Carmen SP).
O órgano de instrución inadmite as súas alegacións e entende que "os escritos dos seus superiores [da doutora] informan de que obviou as instrucións escritas e verbais" sobre o protocolo de actuación.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) abriu un expediente disciplinario á doutora Fátima Nercellas por incorrer nunha suposta "falta grave" ao trasladar un paciente "do corredor [de Urxencias] á sala de Observación".

A sanitaria está acusada de cometer unha "irregularidade" por "non seguir o protocolo de actuación". Porén, diversos colectivos en defensa da sanidade pública e mesmo a Xunta de Persoal da área sanitaria de Compostela-O Barbanza, onde ela desenvolve a súa actividade, sinalan que o obxectivo do expediente sería "silenciar as súas reiteradas denuncias".

Nercellas presentou alegacións contra o expediente aberto, mais o instrutor vén de desestimalas, nun documento ao que tivo acceso Nós Diario.

"No prego de cargos sinálase unicamente o incumprimento das normas de funcionamento interno do servizo; neste caso, pasar pacientes directamente á zona de observación e trasladalos pola súa conta directamente do corredor aos boxes", sostén.

O órgano de instrución, afirma no citado documento, "non instrúe nin valora a evolución dos pacientes, nin se o lugar de asistencia é o axeitado". "Instrúese o cumprimento ou non das normas de funcionamento interno do servizo e, concretamente, de pasar directamente os pacientes a Observación", engade.

"Os escritos dos seus superiores informan de que vostede [a doutora Nercellas] obviou tanto as instrucións escritas como as reiteradas verbais neses momentos", conclúe o escrito de contestación ás alegacións.

O instrutor inadmite a petición de comparecencia do resto do persoal médico do servizo de Urxencias, que tería como fin "valorar a axeitada actuación de acordo co estado dos pacientes, dado que hai momentos nos que o estado de necesidade dun paciente require de actuacións distintas ás habituais". Fátima Nercellas alegará contra esta resolución.