O desemprego nas persoas con diversidade funcional dobra o resto

O 8% da poboación son persoas con diversidade en idade laboral. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
As mulleres teñen máis presenza no mercado laboral entre a poboación activa con diversidade funcional, sinala o IGE, nun colectivo no que o desemprego duplica o do resto da poboación galega.

A taxa de desemprego da poboación activa con diversidade funcional, 20%, é case o dobre que a que rexistra o resto da poboación galega, 11,9%, desvelan os datos feitos públicos onte polo Instituto Galego de Estatística (IGE) do ano 2020.

Pola contra, a taxa de emprego deste colectivo é 24,4%, máis de 40 puntos porcentuais por baixo da taxa que rexistra a poboación sen diversidade funcional, que se eleva ao 66,8%.

O mesmo acontece coa taxa de actividade, do 30,5%, 45 puntos menos que o resto da poboación galega.

Ademais, o informe do IGE destaca que no seo do colectivo con diversidade funcional “as mulleres teñen máis presenza no mercado laboral galego”, non obstante, a súa taxa de paro tamén supera lixeiramente a dos homes.

Asemade, observa que a taxa de emprego e actividade “é maior no caso das persoas con diversidade sensorial”.

10% dos fogares

Segundo a institución, na Galiza hai 129.900 persoas con diversidade funcional en idade de traballar (entre 16 e 64 anos), o 7,8% da poboación activa total, 90.200 clasificadas como inactivas e 39.700 como activas.

Deste último grupo está traballando case o 80%. Ao tempo, no 10,6% dos fogares no país (117.400) hai algunha persoa en idade laboral con diversidade funcional.