A Xunta quere substituír docentes por pantallas

Directores de IES: "A Xunta quere substituír profesores por pantallas"

Os centros deben garantir o distanciamento de seguridade. / Europa Press
A unha semana da nova data para a apertura do curso no ensino secundario, a maior parte dos centros do país mantéñense en pé de guerra fronte aos anuncios da Consellaría de Educación a respecto da semipresencialidade ou da dotación de persoal docente.

A decisión da Consellaría de Educación de mudar o inicio das clases, obrigada polas presións das equipas directivas de institutos de toda Galiza, acrecentou a desconformidade absoluta que hai coas decisións da Xunta nos días previos ao inicio do curso.

É o caso da maior parte dos institutos composteláns, onde algunhas das equipas, segundo puido saber Nós Diario, mesmo chegaron a considerar a súa dimisión.

Os directores de dous destes centros consultados por esta redacción aseguraron ter "todo preparado para facer desdobres, ao contar con capacidade física suficiente para manter o distanciamento de seguridade e a posibilidade de habilitar máis aulas".

"Os desdobres", explican, "supoñen a conformación de novos grupos de alumnado e, por tanto, a necesidade de dotar o centro con máis persoal docente".

A outra posibilidade de cara ao inicio do curso é a semipresencialidade. O director do IES Antón Fraguas, Carlos Encisa, asegura que a Inspección pediu aos centros que "nos reorganizásemos ante a posibilidade de que saia un novo regulamento sobre ensino semipresencial".

Sobre esta modalidade de ensino, o director do Antón Fraguas expón que "durante a pandemia todos estabamos na casa, aínda que era un labor limitado polas tecnoloxías, o ensino era simultáneo".

A dificultade da semipresencialidade é que "estaremos a traballar con xente na aula e, simultaneamente, por videoconferencia co alumnado na casa". Encisa recalca que "non é tan sinxelo e non estamos preparados para algo así".

O seu colega Óscar Couto, director do IES Eduardo Pondal, tamén en Compostela, declárase igualmente pouco favorábel á semipresencialidade e explica, "temos capacidade de facer desdobres en horario lectivo normal, sen facer tardes".

Couto asegura que "para poder asumir non só a carga lectiva, senón tamén as gardas, necesitamos nove docentes máis". Desde o Eduardo Pondal, e tendo en conta a posibilidade de que se alterne a presenza na aula co ensino telemático recálcase que a "nosa proposta é de cinco desdobres e oito ou nove docentes, e se hai que ir ao semipresencial terán que ser catro desdobres e seis ou sete docentes".

Os centros denuncian que queren "substituír docentes por pantallas e, nesta dirección, Óscar Couto é contundente, "a posibilidade de mercar pantallas é prescindir de persoal non a contemplamos". Ademais, denuncia Couto, "o uso de pantallas non está recollido de maneira legal en ningún sitio".

Os membros das dúas directivas, IES Antón Fraguas e IES Eduardo Pondal, alertan tamén de que "aínda que a norma exixa a semipresencialidade", unha vez aprobada tamén "terán que falar as familias e haberá que estudar os problemas de conciliación que poidan xurdir".

Os centros de ensino secundario mantéñense á espera de que desde a Inspección educativa e desde a Consellaría de Educación se emita unha orde que obrigue á semipresencialidade ou designe os destinos do persoal docente que está á espera de cubrir a falla de profesorado da que adoecen nestes momentos e de cara a desdobrar os grupos en clases.