Descubren que a causa da Covid persistente se atopa no interior das células

Doses de vacinas contra a Covid-19 nun laboratorio. (Foto: Europa Press)
Arredor do 3% de pacientes de Covid-19 acaban por desenvolver coronavirus persistente. Un estudo científico revela que a explicación está nas mitocondrias.

O efecto da Covid-19 unha vez superada a doenza é un dos aspectos que recibe máis atención a medida que aumenta o tempo con respecto ao comezo da pandemia, en marzo de 2020, o que permite analizar pacientes que xa pasaron a infección hai case dous anos.

Aínda que diversos estudos, como o publicado en medRxiv en 2021, estiman que até o 50% das persoas que tiveron síntomas ao padecer SARS-CoV-2 manteñen algún deles 12 meses despois, a denominada Covid-19 persistente atinxe a unha porcentaxe moito máis baixa.

Os datos recompilados pola Oficina Nacional de Estatística de Reino Unido sitúan nun 3% o número de pacientes que desenvolve a doenza, na que manteñen os síntomas do coronavirus após superar a enfermidade.

Tratando de procurar as causas polas que persisten algúns destes síntomas até moito tempo despois da infección activa, un traballo publicado na revista científica American Journal of Respiratory and Critical Care Medicine sostén que a explicación se atopa no interior das células.

Alí descubriron que as mitocondrias, microorganismos das células encargados de xerar enerxía, non funcionaban de xeito adecuado nos pacientes con Covid-19 persistente.

A proba circunscribiuse ao efecto no tecido muscular, porén, as investigadoras e investigadores defenden que este mesmo proceso está vencellado cos síntomas orixinados no sistema pulmonar e mais no neurolóxico.

“Non hai ningunha característica común entre quen experimenta o síndrome posCovid”, explica Irina Petrache, coautora do estudo, “para a maioría, as probas iniciais do seu corazón e os seus pulmóns eran normais, así que miramos máis profundamente a nivel celular”.

Por iso, pediron a persoas afectadas que fixeran probas de exercicio controlando centos de puntos de datos, ao tempo que levaban unha máscara especializada e eléctrodos para controlar a súa respiración e función cardíaca.