Desconvocada a folga en Atención Primaria

Atención primaria

Constituiranse dúas mesas, unha de carácter laboral e outra de carácter organizativo e asistencial, onde se creará con carácter permanente o Consello Técnico de Atención Primaria

Desconvocada a folga en Atención Primaria na Galiza para 9,10 e 11 de abril. Así o confirmaron a Sermos Galiza fontes do comité de greve ao acabar a xuntanza que mantiñan con representantes do Sergas e que se prolongou desde as once da mañá até pasadas as tres da tarde. A administración acepta negociar todas as reivindicacións, polo que se constituirán dúas mesas. Unha de carácter laboral (mesa sectorial), na que se tratarán todas as cuestións relacionadas coas condicións de traballo. A outra, de carácterprmanente,  organizativo e asistencial, onde se creará o Consello Técnico de Atención Primaria . A primeira delas reunirase a finais deste mes e a segunda durante a primeira quincena de maio.

 

Outros aspectos aceptados polo Sergas inclúe o "compromiso de dotar orzamentariamente todos os acordos" que se atinxan.A administración galega mudou de actitude a respecto da anterior reunión, a pasada sexta feira, na que se limitaba a aceptar unha comisión sectorial, o que non era compartido polo comité de folga. 

 

As principais demandas de peticións dos convocantes da folga en Atención Primaria resumíanse en 5 puntos: 

 

Orzamento. O orzamento actual non serve para atender as necesidades dun servizo de calidade. Os e as profesionais piden un aumento progresivo do mesmo até acadar – nun prazo de 4 anos- 25% do total de orzamento da sanidade pública galega.  Capacidade de planificar. Creación dunha Xerencia de Atención Primaria, en pé de igualdade coa de Atención Hospitalaria, e que teña capacidade de planificar e xestionar o orzamento ou os recursos humanos propios.

 

Máis persoal. Demándase a convocatoria “inmediata”  de todas as prazas necesarias en todas as categorías de Atención Primaria que o precisen. Pídese eliminar as limitacións derivadas da taxa de reposición e que se vaia tendendo a unha diminución das ratios actuais de pacientes por profesional.

Acabar coa precariedade laboral. Ínstase a modificar o modelo de contrato acordado na mesa sectorial, o Nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito Sergas, e melloralo. A fin da precariedade é “imprescindíbel” para garantir 2a calidade da asistencia”.

 

Solución para o problema dos PAC (Puntos de Atención Continuada). Solicitan que se garanta unha prestación asistencial "segura e de calidade".