Desconformidade do tecido veciñal e social da Ribeira Sacra coa elaboración de candidatura á Unesco

Colectivos e asociacións reuníronse en Vilachá de Salvadur, A Pobra do Brollón. Lamentan a falta de diálogo e de información e tenden a man a “contribuír” na candidatura.

Asociacións veciñais, colectivos culturais e comunidades de montes de diferentes concellos da parte lucense da Ribeira Sacra reuníronse esta fin de semana en Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, para analizar a candidatura a Patrimonio da Humanidade da Unesco. 

Unha cita na que, indican, nun comunicado os promotores da xuntanza, por volta de 30 asociacións e colectivos “puxéronse de acordo sobre uns puntos mínimos que se farán públicos nas vindeiras semanas”, e que se trasladarán ás Administracións.

Todas as asociacións, indican, manifestaron a súa “desconformidade con respecto ao proceso de elaboración da candidatura da Ribeira Sacara á Unesco”. Ningunha delas fora convocada nunca, afirman, nin ao Consello de Parroquias nin a ningún outro acto no que se tratase os propios contidos ou se escoitasen as súas proposicións

Por iso mesmo, apuntan, “e desde un clima construtivo”, queren manifestar a súa “vontade de participar dende o tecido social e veciñal achegando propostas e abrindo canles de diálogo fronte ao silencio administrativo que até o de agora existiu”. 

Neste sentido, no encontro falouse, por exemplo, da poñer en marchar iniciativas de protección, recollida e difusión do patrimonio (in)material como pode ser a lingua, a microtoponimia, as lendas... “Entre as críticas que se escoitaron estaba a falta de rigor histórico nalgúns casos, noutros nos erros de cartografía que xa foron comunicados pero non corrixidos”. 

Outro tema presente, recolle o comunicado, foi a falta de información. As asociacións reclamaron maior atención sobre todo con respecto á normativa que afecta á xestión do monte e da ribeira. “Criticouse a apertura de expedientes a veciños e veciñas que quixeron traballar as súas viñas fronte a outras macroactuacións que se fixeron en concellos coma Quiroga e O Saviñao sen que pasase nada, ou como acaba de acontecer en San Pedro de Rocas coa cortar de árbores”.

Igualmente, coincidiuse “no descoñecemento con respecto ao impacto desta declaración de Patrimonio da Humanidade a nivel normativo, sobre todo no que atinxe á protección e conservación do patrimonio.”

As asociacións amosaron a súa vontade de continuar estes encontros, así como subliñaron a súa vontade de contribuír “con xenerosidade nesta candidatura e ofrecéndose como a voz que, vivindo e traballando o territorio, teña un protagonismo que até o de agora lle foi negado”.