Só catalás, vascas, galegas e canarias piden descentralizar máis o Estado español

O Kilómetro Cero da Porta do Sol de Madrid

A poboación destes catro territorios quer maior descentralización, segundo o traballo ‘Percepción sobre o debate territorial en España 2019’ elaborado polo Centre d'Estudis d'Opinió, fronte ao resto do Estado, partidario de maior centralismo.

Só galegas, vascas, catalás e canarias queren un Estado español máis descentralizado. O resto dos territorios apostan polo contrario: máis centralización. Esta é unha das conclusións que se recollen no amplo estudo ‘Percepción sobre o debate territorial en España 2019’ presentado recentemente polo Centre d'Estudis d'Opinió. O analista Sergi Castanyé mostrou nas redes a escolla dos residentes de cada territorio do Estado a respecto de maior descentralización ou centralización e o debate foi instantáneo.

Entre un +4 (partidarios da máxima descentralización) e un -4 (da máxima centralización), Galiza sitúase en 0,4. Só en Catalunya (2,95), Euskadi (2,91) e Nafarroa (1,46) hai máis aposta pola descentralización do Estado español. Nas Canarias sitúanse en 0,17.  Para alén destes cinco territorios, no resto do mapa estatal triunfa a pulsión centralizadora, en maior ou menor intensidade.

Así, os tres territorios do Estado que destacan polo seu maior afán ‘centralizador’ son Murcia (cun 3,8 e lembremos que 4 é o máximo ‘centralizador’), Asturies (2,78) e Cantabria (2,59). En Madrid é de 1,83, Estremadura de 1,64 e Andalucía de 1,3. Nas castelas é de 1,35 en Castela-A Mancha e 1,22 en Castela-León. Os resultados, porén, foron amplamente criticados nas redes sociais, onde se dubidaba da validez das mesmas incidindo na escasa mostra de persoas enquisadas nos diferentes territorios fóra de Catalunya para este traballo.