O descenso da Covid continúa pendente da evolución da taxa de hospitalizacións

Acceso a unha residencia de maiores (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Un surto declarado na residencia DomusVi de Monforte de Lemos afecta a 36 persoas entre usuarias e traballadoras. A maioría, asintomáticas ou con sintomatoloxía de carácter leve.

Os casos activos de Covid na Galiza caen por baixo dos 6.000 por primeira vez desde o pasado 13 de xullo, polo que se mantén a tendencia á baixa e a contención da pandemia no conxunto do territorio.

Os novos contaxios diarios tamén descenden. Sitúanse por debaixo dos 200. Só as hospitalizacións reflicten unha suba lixeira á espera das altas hospitalarias que adoitan producirse tras a fin de semana.

Así, segundo os datos feitos públicos esta segunda feira pola Consellaría de Sanidade, na Galiza hai 5.848 casos activos por coronavirus, 268 menos que na xornada anterior, e rexistráronse 194 contaxios novos, fronte aos 206 notificados o domingo.

Os novos positivos baixan en todas as áreas excepto nas de Ferrol, Pontevedra e Lugo, esta última coa suma máis acusada. Do total de casos novos rexistrados, 63 coresponden á área de Lugo, 44 á da Coruña, 32 á de Santiago, 20 á de Ourense, 15 á de Pontevedra, 11 á de Vigo e nove á de Ferrol.

Con respecto ao número de persoas que padecen a enfermidade, descendeu en todas as áreas sanitarias. Na área da Coruña hai 1.457 casos activos (59 menos), na área de Lugo hai 1.221 casos (22 menos), na área de Santiago hai 1.047 (85 menos), en Vigo hai 858 casos (51 menos), na área de Ourense hai 586 casos activos (7 menos), na área de Pontevedra son 358 enfermos (13 menos) e na área de Ferrol hai 321 casos (31 menos).

Presión hospitalaria

O número de pacientes hospitalizados con Covid sitúase segundo o último balance do Sergas en 201, dos que 153 se recuperan en planta (+2) e 48 en unidades de coidados intensivos (+2).

A maior presión asistencial rexístrase na área da Coruña, que mantén 13 persoas en coidados críticos, na área de Vigo hai oito persoas enfermas en UCI, Ourense ten sete; Ferrol, outros sete; pontevedra, cinco; Lugo, catro, e contan outras tantas en Santiago.

Esta lixeira variación á alza no conxunto da Galiza, non afecta á evolución favorábel da pandemia, mais dá conta da especial vixilancia que manteñen as autoridades sanitarias sobre a taxa de hospitalización -na contorna das sete persoas por cada 100.000 habitantes- para avanzar no control da Covid, sen perder de vista a incidencia.

Residencias de maiores

Un surto rexistrado na residencia DomusVi de Monforte de Lemos, no nivel máximo de risco, afecta a un total de 36 persoas  entre usuarias e traballadoras. En concreto, detectáronse 34 casos entre as residentes e outros dous entre o persoal do centro, segundo confirmou a Consellería de Política Social.

Todos os casos de Covid foron confirmados mediante PCR e a maioría son asintomáticos ou presentan sintomatoloxía de carácter leve.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.584 persoas con Covid tras notificar sanidade a morte dunha muller de 89 anos de idade no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e dun home de 72 anos de idade no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.