Descenso de contaxios en todas as áreas sanitarias agás a de Pontevedra

Proba de coronavirus a unha traballadora da sanidade (Imaxe: Europa Press)

En 24 horas fixéronse 6.143 PCR, 988 menos que no día anterior.

Os hospitalizados por covid soben en 20 persoas (até o total de 559) e a UCI mantéñense en 100 pacientes

Os positivos diarios confirmados por PCR na Galiza experimentaron un novo descenso por terceiro día consecutivo, até os 323, un total de 134 menos que na xornada anterior. En concreto, rexístranse baixadas no número de contaxios en todas as áreas menos na de Pontevedra.

Así mesmo, os datos de Sanidade reflicten que até o momento realizáronse na Galiza un total de 854.141 PCR, o que implica que en 24 horas fixéronse 6.143 -988 menos que no día anterior-.

Segundo os datos actualizados hoxe pola Consellería de Sanidade, con cifras solicitadas até as 18:00 horas do domingo, a única área na que se rexistra un aumento dos casos é na de Pontevedra, onde hai unha alza de 27 -até os 78-.

Todas as restantes experimentan unha baixada no número de positivos rexistrados. Destas, a área con máis contaxios confirmados por PCR en 24 horas é a da Coruña, con 68 -57 menos-. Por detrás sitúase Vigo, con 42 -38 menos-.

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, baixaron en 159, até situarse no total de 8.669.

A que reúne a maior cifra de casos activos da enfermidade é Vigo, que hoxe notifica 2.260, aínda que son 60 menos que o domingo. Tamén anotaron descensos as áreas da Coruña-Cee, con 1.798 (-44); e Pontevedra-O Salnés, con 1.234 (-1).

Con todo, continúan á alza as vítimas mortais diagnosticadas de Covid-19, que esta segunda feira sitúanse en 1.146 após notificarse o domingo 9 falecementos, dos que dous estaban relacionados con residencias de maiores.