Descenden por debaixo dos 1.500 os casos Covid activos na Galiza

Test de Covid-19. (Foto: Okrasiuk)
Os contaxios por coronavirus subiron até 141 nas últimas 24 horas.

A Galiza notifica hoxe 1.452 infeccións activas de Covid-19, que son 48 menos que as rexistradas onte. Aumentan, con todo, as persoas hospitalizadas até os 106 (+8), das que tres están en Unidade de Coidados Intensivos (-1). Soben tamén os contaxios nas últimas 24 horas até os 141.

No balance publicado este sábado polo Sergas, con datos solicitados até as 18 horas de onte, notifican ademais 672.845 persoas curadas desde o inicio da pandemia.

Pola contra, aumentan a 3.910 as persoas falecidas desde o inicio da crise sanitaria, as dúas últimas rexistradas son do día 29 de setembro. Trátase dun home de 74 anos da área de Lugo e outro de 78 da de Vigo. Ambos presentaban patoloxías previas.

Do total de casos activos, 289 pertencen á área sanitaria da Coruña (-3); 199, á de Lugo; 246, á de Ourense (-9); 164, á de Pontevedra (-8); e 84, á área de Ferrol (-16). Os únicos distritos sanitarios nos que aumentan as infeccións son Vigo, con 233 casos (+8) e Santiago, con 244 (+4).

Persoas con Covid hospitalizadas

En canto ás persoas hospitalizadas, son 19 na área ourensá (un deles en UCI); 34 na da Coruña (outro en críticos); 14 na de Vigo (tamén cun paciente en coidados intensivos). No resto de áreas non quedan pacientes en críticos. Así, Pontevedra conta con sete hospitalizados; catro en Ferrol, 15 en Santiago e 13 en Lugo.

Por último, no que respecta aos novos contaxios, 24 rexistráronse na área de Ourense, 22 na da Coruña; nove na de Pontevedra; sete na de Ferrol; 29 na de Santiago; 18 na de Lugo; e 32 na de Vigo.