Descenden contaxios, casos activos e presión hospitalaria

Vacinación (Foto: Xunta da Galiza).

A taxa de positividade mantense nun 2%.

A presión hospitalaria mantén a tendencia descendente na Galiza tras reducirse a 173 os pacientes Covid ingresados -15 menos-, aínda que hai un máis en UCI, e, despois de tres xornadas de aumento paulatino, os novos contaxios caeron a 132, así como os casos activos, que baixaron a 2.185.

Segundo os rexistros actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellería de Sanidade con datos até as 18:00 horas desta cuarta feira, hai 28 pacientes Covid en UCI, o que supón un máis que a xornada anterior, pero baixan a 145 os hospitalizados noutras unidades -16 menos-.

Nesta xornada descenden os hospitalizados nas sete áreas sanitarias galegas.

En canto aos casos activos, tras a tendencia ascendente rexistrada desde o inicio da semana, descenderon lixeiramente a 2.185 (ao haber máis altas que contaxios), o que supón 48 menos.

Por áreas, os casos activos soben lixeiramente en dúas: Ourense (+1) e Pontevedra e O Salnés (+17); mentres que descenden nas da Coruña e Cee (-33); Vigo (-23); Ferrol (-5), Lugo (-3) e Santiago e Barbanza (-2).

Tamén se freou a tendencia ascendente dos novos contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba, que baixan a 132; tras iniciarse a semana con 112, subir a 139 o martes e ascender a 181 este mércores.

Do total de positivos, 139 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas -catro menos que a xornada anterior-, deles 40 corresponden á área de Vigo; 30, á da Coruña e Cee; 28, á de Pontevedra e O Salnés; 20, á de Santiago e Barbanza; 10, á de Ourense; seis, á de Ferrol; e cinco, á de Lugo.

Pola súa banda, a taxa de positividade, tras subir a un catro por cento no inicio da semana, mantense como a xornada pasada nun 2%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Até o momento a pandemia deixa 2.363 persoas falecidas diagnosticadas de Covid-19 despois de notificar a Consellería de Sanidade esta cuarta feira a morte doutras tres.