Descenden os casos activos de Covid após varios días de incrementos

A residencia das Gándaras, en Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
As vítimas da pandemia da Covid-19 na Galiza aumentan a 3.474

Segundo a última actualización da situación sanitaria asociada á pandemia na Galiza trasladada pola Consellaría de Sanidade este sábado con rexistros até ás 18 horas da sexta feira, os casos activos de covid-19 redúcense tras varios días de incrementos até os 11.606, 381 menos que no último balance.

Tamén descende a presión hospitalaria ao baixar en 47 as persoas hospitalizadas con Covid até situarse en 610 en toda a rede sanitaria galega. Ademais, baixan tamén os hospitalizados nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) dos hospitais galegos, nas cales hai ingresadas 22 persoas (cinco menos).

Por áreas sanitarias, os sete distritos rexistran descensos no número global de hospitalizados excepto Vigo, onde na xornada desta sexta feira os ingresados en planta por Covid ascendían a 98 (un máis que na quinta), mentres que en UCI hai catro persoas ingresadas (dúas menos).

A área onde máis caen os hospitalizados é a de Ferrol, na cal nestes momentos pasan a enfermidade en centros hospitalarios 47 pacientes, o que supón 11 menos que os contabilizados na quinat feira. Nas unidades de coidados intensivos ferrolás hai unha persoa ingresada.

Baixan os contaxios

Pola súa parte, os contaxios de Covid-19 na Galiza descenden até os 1.021, que implican 69 menos que os 1.090 contabilizados nos datos ofrecidos a sexta. Cabe destacar que co novo protocolo xa non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico á poboación en xeral, salvo á vulnerábel, polo que o número de contaxios reais probabelmente sexa maior.

Porén, a taxa de positividade ascende a 39,87%. Así, continúa por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

As vítimas da pandemia da Covid-19 na Galiza aumentan a 3.474, despois de notificar a Consellaría de Sanidade este sábado outros dez falecementos de pacientes con patoloxías previas.