Descenden os casos activos mais aumenta a presión hospitalaria con 10 ingresos máis

Varias persoas na terraza dun bar, a 29 de maio de 2021, na Coruña (M. Dylan-Europa Press).

Aínda que a taxa de positividade das PCR mantense en torno a 2% os novos contaxios detectados nun só día soben a 124. A área con máis novos contaxios é Vigo con 39 e a que menos a de Ourense-Verín-O Barco, con cinco.

Nas últimas 24 horas Galiza viviu un aumento importante da presión hospitalaria como consecuencia da pandemia da Covid-19. Neste período de tempo os ingresos subiron en 10  até un total de 117. Malia todo, os casos activos da enfermidade volveron a baixar por oitavo día consecutivo e sitúanse en 2.300, debido a que as altas seguen superando aos novos contaxios.

Segundo os datos publicados este domingo pola Consellaría de Sanidade, solicitados até as 18 horas do sábado, no que respecta á presión asistencial, a subida no número de ingresados débese ao aumento dos pacientes en planta, que suman 89 (+10), aínda que os de unidades de coidados intensivos se manteñen sen variacións, nos 28.

Por áreas sanitarias, tan só a de Lugo-A Mariña-Monforte aguanta e non aumenta os enfermos que requiran hospitalización, que seguen no total de 12, dos que tres están na UCI.

En relación ás seis áreas restantes, todas rexistran unha subida lixeira menos a de Santiago-Barbanza, que suma catro novas hospitalizacións, até sumar 23. De todas elas, cinco están en críticos, un máis que nos datos facilitados este pasado sábado.

O resto, a área da Coruña-Cee mantense á cabeza con 27 ingresados (+1), catro destes na UCI; en Vigo son 25, dos que cinco están en coidados intensivos; en Pontevedra-O Salnés hai 14 hospitalizados (+2), catro deles críticos; en Ourense-Verín-O Barco son un total de 12 (+1), dos que a metade seguen na UCI; e na de Ferrol subiron a catro os ingresados (+1), aínda que diminuíron a un (-1) os que están en coidados intensivos.

Seguen en descenso os casos activos

Os casos activos por Covid-19 no conxunto da Galiza seguen coa tendencia descendente por oitava xornada consecutiva ao caer a 2.300, medio cento menos que a xornada anterior.

O descenso se replica en cinco do sete áreas sanitarias. As excepcións volven ser este domingo a de Lugo-A Mariña-Monforte, onde os pacientes aumentaron até os 244 (+10); e Ferrol, con 91 (+1).

Así, este parámetro baixou na área de Vigo, aínda que segue na cabeza con 678 pacientes (-22); seguida da Coruña-Cee, que se coloca segunda con 418 (-8); Santiago-Barbanza, con 415 (-12); Pontevedra-O Salnés, con 276 (-14); e Ourense-Verín-O Barco, con 178 (-12).

Aumentan os contaxios

Os novos contaxios detectados nas últimas 24 horas por calquera tipo de proba chegaron até os 124, despois dos 110 notificados o sábado. Destas novas infeccións descubertas, 39 localizáronse na área sanitaria de Vigo. Séguelle a da Coruña-Cee con 24; Santiago-Barbanza con 20; Lugo-A Mariña-Monforte con 18; Ferrol con 10; Pontevedra-O Salnés con outras 10; Pontevedra-O Salnés, con só oito; e pecha a táboa Ourense-Verín-O Barco, con cinco.

Por tanto, as persoas contaxiadas da covid-19 desde o inicio da pandemia en toda Galiza ascenden a 126.749, dos cales 30.375 corresponden á área da Coruña; 25.014, á de Vigo; 19.954, á de Santiago; 15.697, á de Ourense; 14.255, á de Pontevedra; 12.860, á de Lugo; e 8.594, á de Ferrol.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia na Galiza mantense en 2.417, ao non notificar a Consellaría de Sanidade ningunha morte este sábado.