Á altura do Barqueiro (Mañón)

Tres feridas após descarrilar o tren que une Ferrol con Ribadeo

FEVE en Ferrolterra (Imaxe de arquivo)
Tres persoas resultaron feridas de diversa consideración após descarrilar o tren que une Ribadeo e Ferrol á altura do Barqueiro, no concello de Mañón. O descarrilamento tivo lugar por un desprendemento de terras.

Tres persoas resultaron feridas de diversa consideración após descarrilar un tren da liña que une Ribadeo con Ferrol debido a un desprendemento de terras que tivo lugar no Barqueiro, no concello de Mañón. Viaxaban no ferrocarril un total de sete persoas. 

Daba conta do sinistro o 112 a través da conta de Twitter.

O descarrilamento tivo lugar pasadas as 21.30 horas e foi confirmado por Adif a través dun chío. 

Non é a primeira vez que as liñas ferroviarias que conectan Ferrol sofren desprendementos de terra. A preocupación veciñal levou recentemente o BNG a presentar no Congreso unha iniciativa para preguntar ao Goberno estatal sobre as "medidas de prevención para evitar un empeoramento da situación" no camiño de ferro que une o servizo de media distancia entre Ferrol e Betanzos, concretamente, á altura do concello de Cabanas.