Descarrila un tren en Silleda por causa dun desprendemento de terra

Estación de tren de Bandeira (Silleda) (Foto: Wikipedia).
Un corremento de terras que esparexeu pedras á entrada dun túnel foi o causante de que un dos vagóns saíse do seu eixo, segundo a información facilitada polo CIAE 112 Galiza.

Un desprendemento de terra e pedras causado, presumibelmente, polas intensas chuvias provocou o descarrilamento dun tren en Silleda sen que se produciran feridos. O descarrilamento, que realizaba o traxecto entre Ourense e Santiago de Compostela.

Alí, a presenza de rochas e pedras fixo saír da vía o convoi, no cal viaxaban 16 pasaxeiros e o interventor.

Este último recibiu un golpe na cabeza como consecuencia do descarrilamento pero non necesitou ser atendido polos profesionais de Urxencias Sanitarias.

Un corremento de terras que esparexeu pedras á entrada dun túnel foi o causante de que un dos vagóns saíse do seu eixo, segundo a información facilitada polo CIAE 112 Galiza a través dos bombeiros, que afirman que os pasaxeiros do tren se atopaban no interior do tren á espera de seren recollidos.

Incidencias

O temporal deixou esta cuarta feira 150 novas incidencias na Galiza, logo de superar na terza feira o millar. En concreto, desde a segunda feira, a chuvia, o vento e a neve provocaron 1.378 incidentes no país.

As tipoloxías de incidentes máis repetidas foron as causadas pola caída de árbores e ramas nas estradas, a neve nas vías de circulación, as inundacións e derrubamentos e fochancas. 

Limitación da circulación

A neve deixou varias incidencias destacadas, en especial nas comarcas do leste e do sur do país, nas que permaneceu activo un episodio de nivel laranxa por nevaradas. Foron catro os puntos da comunidade nos que se mantivo o nivel amarelo da DXT, que impediu a circulación de vehículos articulados. 

Atopáronse nesta situación a A-6 ao seu pasoprendemento de terra por Becerreá e por Pedrafita do Cebreiro (comarca dos Ancares); a LU-633 entre os quilómetros 1 e 29; e a N-25 ao seu paso por Riós (Verín). Ademais, fortes saraibadas provocaron accidentes múltiples e saídas da vía en Ponteareas (O Condado) e en Fene (comarca do Eume).

Aldeas illadas

Efectivos de Protección Civil liberaron o acceso a Baldriz, en Cualedro (Verín), unha aldea incomunicada pola caída dun piñeiro, que se derrubou polo peso da neve acumulada. O obstáculo mantivo incomunicados medio cento de veciños e veciñas. 

Da mesma maneira, a poboación de Acebo, en Becerreá (Os Ancares) ficou esta cuarta feira incomunicada debido á acumulación de neve na estrada que conecta a aldea coas poboacións veciñas.

Volve o transporte escolar

As nevadas desta cuarta provocaron a cancelación da actividade lectiva en 48 dos 120 centros educativos afectados pola anulación do transporte escolar, un servizo que se recupera hoxe. En total, segundo os datos facilitados pola Consellaría de Educación, máis de 7.200 alumnos e alumnas non puideron acudir onte aos seus centros de ensino.