Descarrila un tren de mercadorías en Lalín, o segundo nunha semana

Descarrilamento do tren en Lalín (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
A pasada cuarta feira descarrilara outro tren na mesma liña ferroviaria á altura de Silleda.

Un tren de transporte de mercadorías non perigosas que cubría a ruta Santiago-Ourense descarrilou após topar cun derrubamento sobre a vía e acabou batendo contra o alicerce dunha ponte. O maquinista resultou ferido de carácter leve e, segundo informaron fontes de Renfe a Europa Press, atópase "ben" após facerlle unhas probas nun hospital.

De acordo coa información facilitada polo 112-Galiza, a locomotora e varios vagóns, que non levaban nese momento ningún material, quedaron envorcados lateralmente, mentres que o maquinista puido saír coa axuda dos Bombeiros de Silleda, que non tiveron que empregar o material de excarceración. O accidentado non presentaba feridas de consideración.

O suceso produciuse cumpridas as 9 horas da mañá. En concreto, sobre as 9.15 horas, desde o Centro de Seguridade de Adif informábase ao 112 de que un tren de mercadorías tivera un accidente nas proximidades de Lalín, en sentido Ourense.

O maquinista do convoi permaneceu consciente en todo momento e desde os servizos de emerxencias indicáronlle que non abandonase a cabina até que chegasen ao lugar. Estaba, segundo o 112, aparvado ao sufrir un golpe na cabeza após o sinistro.

Tamén un particular que se atopaba na zona chamou ao servizo de emerxencias para alertar do sucedido. A respecto diso, desde Renfe precisaron que a locomotora e os dous primeiros vagóns saíron do rail.

Ao lugar desprazouse persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil, os Bombeiros de Silleda, o GES de Lalín, a Policía Local e membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Lalín e o persoal de Emerxencias de Adif.

Polo momento, os servizos de emerxencias continúan traballando non lugar onde se produciu o suceso para retirar a máquina accidentada da vía.

Segundo suceso nesta ruta

Este sinistro prodúcese menos dunha semana despois de que descarrilase outro tren, tamén por un desprendemento de terra, na mesma liña ferroviaria, á altura de Silleda.