Descarrila en Oza-Cesuras un vagón de tren con 19 persoas a bordo, sen que se rexistren feridos

O tren tiña como orixe a estación da Coruña.

A vía continúa fechada e Adif prevé restablecer a circulación ferroviaria en torno ao mediodía de hoxe

Un vagón de tren que cubría a liña entre A Coruña e Lugo sufriu a pasada noite un descarrilamento con 17 viaxeiros a bordo, á parte do maquinista e o interventor, sen que ningunha persona sufrise feridas, segundo confirmaron a Europa Press fontes de Renfe.

En concreto, ás 20:21 horas produciuse o descarrilamento do bogie dianteiro de autopropulsado do tren de Media Distancia 12642 A Coruña-Monforte de Lemos, no punto quilométrico 515/900.

Segundo informaron fontes do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), o descarrilamento do coche produciuse a consecuencia dun desprendemento de terras sobre a vía, á altura do termo municipal de Oza-Cesuras.

O centro de seguridade de Renfe e o persoal de Adif contactaron co 112 Galiza para alertar do ocorrido e solicitaron medios para colaborar no transbordo das persoas que viaxaban no convoi para poder continuar coa súa ruta. Ás 22:43 horas os viaxeiros foron evacuados por estrada.

Como o vagón descarrilado quedou na vía á espera de ser retirado, a circulación ferroviaria segue cortada, aínda que a previsión de arranxo está fixada ao redor das 12:00 horas do mediodía de hoxe, segundo confirman fontes de Adif.