Descarrila un media distancia Santiago-Vigo sen deixar danos persoais

Modelo do tren que descarrilou en Cerponzóns (Pontevedra).

Un tren media distancia que realizaba o percorrido entre Compostela e Vigo sufriu ao redor das 21.20 horas da quinta feira un descarrilamento leve.

O tren rexional que realizaba o traxecto Compostela-Vigo descarrilou sobre as 21.20 horas da quinta feira, 3 de decembro, por “causas meteorolóxicas adversas”, segundo a Adif.

O suceso non deixou ningún dano persoal nas 53 persoas que viaxaban no convoi á altura de Cerponzóns, en Pontevedra. O descarrilamento leve produciuse na bifurcación de Santo Amaro, onde hai un cambio de agullas.

Só saíu do camiño de ferro, segundo informa Adif, o primeiro eixe do tren. De aí que o descarrilamento non provocase danos persoais.

Ademais, os trens circulaban con lentitude por mor dunha avaría nos sinais ferroviarios por causa do temporal.

A vía permanecía cortaba a última hora da noite e provocou atrasos en todos os trens que circularon polo eixe atlántico. Ficou finalmente restabelecida xa de madrugada, afirma Adif.

As pasaxeiras e pasaxeiros do tren sinistrado foron evacuados a un convoi que os recolleu na vía paralela.

Porén, tardaron ao redor de dúas horas en mudar de ferrocarril. "Non nos informaron sequera da localización", afirmaba un viaxeiro en declaracións a Radio Pontevedra.