Desarticulado un grupo de furtivos mentres pescaban angulas de madrugada nun río de Valdoviño

Os utensilios comisados polo Seprona en Valdoviño. (Foto: Garda Civil)
No intento de fuxida abriron a porta do vehículo en marcha e tiraron as angulas capturadas pola estrada.

O Servizo de protección da Natureza (Seprona) da Coruña desarticulou un grupo de furtivos de angulas mentres pescaban de madrugada nun río de Valdoviño (Ferrolterra). Segundo informou o Instituto Armado, os axentes sorprenderon a catro veciños da localidade de Cedeira cando capturaban angulas con artes de pesca ilegais.

Os axentes constataron a presenza de redes estratexicamente colocadas e suxeitas con ferros e cordas atadas a árbores e pedras no leito do río. Os furtivos, segundo detallou a Garda Civil, utilizaban trueis para extraer as angulas e tamén dispuñan dunha gran nasa rectangular de aproximadamente un metro cúbico.

Ante a vixilancia das autoridades, os individuos tentaron fuxir en dous vehículos. Un deles funcionaba como lanzadeira para alertar de posíbeis controis policiais e no outro levaban as angulas. Fixeron caso omiso aos sinais e ordes dos axentes para que parasen os vehículos.

No intento de fuxida abriron a porta do vehículo en marcha e tiraron as angulas capturadas pola estrada. Na intervención os axentes comisaron sete trueis artesanais, capachos, caixas de plástico modificadas para a captura de angulas, a nasa e os dispositivos fixos instalados na beira do río.

Todos estes elementos formaban parte do 'modus operandi' dos individuos para realizar esta actividade ilícita de maneira habitual. Os infractores foron denunciados ante a Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña por presuntos delitos contra o medio ambiente —furtivismo—, así como ante a Consellaría de Medio Ambiente e a Xefatura Provincial de Tráfico por outras presuntas infraccións cometidas.