Desarticulada en Ourense unha rede de explotación sexual de mulleres. "Estaban vixiadas 24 horas"

Un coche da Policía Nacional (Foto: Europa Press).
Segundo informaron desde a Policía Nacional esta segunda feira, as mulleres eran captadas en Colombia e Venezuela a través das redes sociais aproveitándose da súa situación de vulnerabilidade.

Axentes da Policía Nacional desmantelaron unha organización criminal presuntamente dedicada a trata de seres humanos e á explotación sexual de mulleres nun piso en Ourense. Liberáronse cinco vítimas e arrestáronse sete persoas.

Dos sete detidos, dous foron en Madrid e cinco en Ourense, onde se realizaron dous rexistros domiciliarios e se incautaron máis de 18.000 euros en efectivo, substancias estupefacientes, dous teléfonos móbiles e diversa documentación.

O 'modus operandi'

Segundo informaron desde a Policía Nacional esta segunda feira, as mulleres eran captadas en Colombia e Venezuela a través das redes sociais aproveitándose da súa situación de vulnerabilidade e de necesidade económica para convencelas de vir á Galiza.

A partir de aí comunicábanlles como debían actuar para non levantar sospeitas na fronteira e poder trasladarse até Ourense, onde as esperaba o xefe da organización, que era quen lles comunicaba unha débeda duns 3.000 euros e que ían exercer a prostitución nun piso de citas para pagala.

Unha vez na Galiza, as vítimas tiñan que estar dispoñibles as 24 horas ao día dos sete días da semana, sen liberdade para saír sen ser escoltadas por un membro da organización e baixo constante vixilancia a través de cámaras de seguridade.

"Non podían rexeitar ningún servizo", dos cales "recibían unha ínfima parte dos beneficios, xa que lles quitaban todo o diñeiro gañado para saldar a súa débeda", explicaron desde a Policía.