Desaloxan ducias de persoas das súas vivendas no Courel e Valdeorras polos lumes

Incendio no Courel a media tarde. (Foto: Oscar Carrete).

Unhas horas máis tarde de que o conselleiro de Medio Rural anunciase que os incendios forestais estaban controlados en 90% nas diversas localidades da Galiza, a situación descontrólase no Courel e Valdeorras

O incendio de Carballeda de Valdeorras xa chegou ao concello veciño do Barco de Valdeorras, obrigando a desaloxar das súas vivendas ducias de persoas na parroquia de Alixo.

O propio alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, confirmou a Europa Press que a situación nestes momentos é "moi complicada" e de "moita preocupación".

A Consellaría de Medio Rural recoñeceu a media mañá que a superficie afectada por este incendio xa alcanza as 1.600 hectáreas afectadas, porén as forzas das brigadas consultadas por Nós Diario duplican a extensión calcinada.

A situación non é mellor no Courel. Neste caso, o núcleo de Vilamor, onde aparecía un lume activo desde a quinta feira, o núcleo atópase rodeado por todas partes, podendo chegar a extensión queimada a 4.000 hectáreas.

As autoridades locais do Courel víronse obrigados a desaloxar ao longo da tarde os lugares de Vilar, Vilamor, Santa Eufemia e A Pendella . Segundo puido saber Nós Diario, arredor de 30 veciños atópanse actualmente desprazados das súas casas.

O concelleiro e voceiro de C@urel Vivo, Óscar Carrete, sinalou a este medio que “estamos totalmente abandonados pola Xunta. Neste momento, nunha situación extrema só contamos con dous helicópteros para facer fronte aos incendios”.

Carrete sinalou que “os veciños estamos combatendo os incendios solos sen ningún tipo de axuda do Goberno galego”.