Derrúbase un muro da ligazón da Vía Ártabra e a N-VI, en Oleiros, que se inaugurou hai menos dun ano

O muro caído na ligazón da Vía Ártabra e a N-VI, en Oleiros. (Foto: Europa Press)
"O de que na Vía Ártabra todo é malo xa non vale; é peor aínda. O señor [Alfonso] Rueda vai ter que cambiar esta conselleira [Ethel Vázquez] polo ben da Galiza", afirma o alcalde, Ángel García Seoane.

O derrubamento dun muro da ligazón da Vía Ártabra e a N-VI, no municipio de Oleiros (comarca da Coruña), motivou a articulación de desvíos no tráfico mentres duren os traballos para a reconstrución desta infraestrutura aberta ao tráfico hai menos dun ano. O colapso produciuse á altura dun estabelecemento comercial de produtos de xardinaría na tarde da pasada sexta feira como consecuencia das intensas choivas das últimas semanas, segundo trasladou a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, que engade que non houbo que lamentar danos persoais.

O Goberno galego, que estima en tres meses a duración dos traballos de reconstrución, informou esta segunda feira de que, durante este tempo, a incidencia provocará a restrición do tráfico no ramal de incorporación á N-VI desde a Vía Ártabra, cuxos usuarios se verán obrigados a incorporarse en sentido Betanzos (As Mariñas) até o cambio de sentido en Espírito Santo, a uns 1,4 quilómetros.

Segundo a Xunta, os seus técnicos detectaran unha "deformación" no muro de sostemento executado nas inmediacións do establecemento comercial e que, por este motivo, habilitáronse balizas e sinalizacións para evitar que os vehículos "pasasen pegados a ese punto, co fin de ofrecer as máximas garantías de seguridade na circulación".

Pola súa parte, o Concello de Oleiros demandou explicacións á Xunta polo acontecido no que cualificou como "unha obra faraónica", en alusión aos traballos de conexión entre a Vía Ártabra e a AP-9 que, remarca a través dun comunicado, "non se chegou a marterializar".

"É incríbel que unha obra que se acaba de facer caia desta forma. O de que na Vía Ártabra todo é malo xa non vale; é peor aínda. O señor [Alfonso] Rueda vai ter que cambiar esta conselleira polo ben da Galiza", manifestou o rexedor, Ángel García Seoane, en alusión á titular de Infraestruturas, Ethel Vázquez.