Derrúbase o teito dun cuarto do hospital médico-cirúrxico de Conxo

O falso teito derrubado (Foto: CIG).
Aconteceu cando estaban a colocar plafóns luminosos nos teitos dos cuartos. "Un hospital que carece de ar acondicionado ou climatización, condicións importantes para o confort e benestar das e dos doentes", apuntan desde a CIG.

A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) de Santiago de Compostela vén de denunciar a falta de xestión para verificar que as instalacións hospitalarias garanten a seguridade e calidade tanto as traballadoras e traballadores como enfermos, despois de que se desprendese o falso teito dunha habitación da segunda planta do hospital médico-cirúrxico de Conxo.

Aconteceu cando estaban a colocar plafóns luminosos nos teitos dos cuartos. "Un hospital que carece de ar acondicionado ou climatización, condicións importantes para o confort e benestar das e dos doentes". 

A CIG-Saúde salienta que afortunadamente non se atopaba ningún doente nos cuartos, polo fechamento de camas no período estival, ante a carencia de profesionais para substituílos para que “poidan gozar dun dereito fundamental como son as vacacións”.

Diante deste suceso, Xosé Manuel Marcote, da CIG-Saúde, denuncia que, unha vez máis, “a Xerencia demostra a deixadez nas súas responsabilidades sobre o mantemento preventivo e metodoloxía para a prevención de riscos”.

Apunta que o mantemento “non debe estar condicionado, nin xestionado polas decisións das empresas privadas, ante a falta dun responsábel do servizo de mantemento como é o xefe de servizo, que ten entre os seus cometidos a organización e xestión do mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)”.

“Incompetencia”

Por iso a CIG-Saúde denuncia a “incompetencia” desta Xerencia “pola falta de planificación e control da xestión da empresa privada que, segundo os pregos de condicións é a responsábel do mantemento do hospital médico-cirúrxico”.

Do mesmo modo, denuncia a falta de transparencia na súa xestión e falta de información aos representantes das e dos traballadores e solicita que se faga unha inspección técnica do edificio pola súa antigüidade por se fose necesario realizar obras.